O xuíz Vázquez Taín dalle a razón a unha nai que lle deu unha labazada ao seu fillo

Recrimínalle ao menor, de 11 anos, a súa actitude de "síndrome do emperador", que unicamente busca "humillar e desprezar a súa nai".


|

Vazqueztan 1

Vázquez Taín foi instrutor do roubo do Códice Calixtino.


Un neno de 11 anos levou a xuízo a súa nai por darlle unha labazada por negarse o menor a poñer o almorzo, feito que o titular do Xulgado do Penal Número 2 da Coruña, José Antonio Vázquez Taín, viu "xustificado" fronte á actitude de "síndrome do emperador" do seu fillo, polo que absolveu á procesada.


Así se sinala no ditame con data 30 de xuño de 2017, recollido por Europa Press, no que o maxistrado explica que "os feitos foron puntuais e con provocación polo menor".


Segundo o relato de feitos probados, cando o neno tiña 11 anos, no domicilio da muller na Coruña "como queira que o menor facía caso omiso ás súas indicacións de que colaborase poñendo o almorzo, pois permanecía escoitando música, e debido a que non só non obedeceu senón que chegou a arroxar o teléfono, a fin de que depuxese a súa actitude rebelde e violenta, deulle un sopapo moi forte á altura do pómulo esquerdo".


Nos feitos probados, o xuíz engade que con posterioridade a unha nova discusión entre nai e fillo, cando o menor pretendía marchar da casa, a muller "tentou evitar que o pequeno saíse, para o que o agarrou pola parte posterior do pescozo, causándolle unha rabuñada".


FALTA DE EMPATÍA


O xuíz Vázquez Taín destaca na súa sentenza que "sorprende a calculada frialdade do menor" e engade que "trata de dirixir a declaración e controlar todo o testemuño". "Dá pena comprobar a súa total falta de empatía", abunda o maxistrado no ditame.


O menor recoñece que a nai lle ordenou poñer o almorzo e el se negou e admite que "mantivo a súa actitude pois estaba a escoitar música no seu teléfono novo de alta gama". "E aínda que negue arroxar o teléfono, as súas dúbidas ao contestar indican que dalgún modo o tirou. Pode que simplemente o lanzase ao chan, nin sequera á súa nai", concreta o xuíz.


"Está claro que a actuación do menor é totalmente equivocada", subliña o xuíz na resolución, na que engade que "por sorte a súa familia é acomodada e pode permitir tirar o diñeiro dun teléfono de alta gama, cuxo prezo, é igual aos ingresos mensuais cos que se ven obrigados a vivir máis do 50% da poboación española".


"O seu comportamento non só mostra desprezo cara á autoridade materna, senón tamén cara ao esforzo e traballo que supón gañar un salario co que adquirir bens. E ademais incorre no acto de violencia que supón arroxar o teléfono", puntualiza o xuíz.


Por iso, sostén na sentenza que se trata dunha "clara exhibición por parte do menor dunha actitude de síndrome de emperador, que unicamente busca humillar e desprezar a súa nai".


"INMEDIATA CORRECCIÓN"


"De non mediar unha inmediata corrección, o menor trasladará o dito comportamento a terceiros e comezará a comportarse igual con compañeiros, veciños etc.", sostén o maxistrado, que considera que "acudir a unha corrección física moderada está xustificado". "E así se fixo", conclúe.


"A acusada non lle zoscou ao fillo para causarlle unha lesión, a súa intención era clara e trataba de poñer fin á actitude violenta do menor, que é o que primeiro acode a un acto físico de forza, e ao seu comportamento totalmente despectivo cara a ela, negándose a algo tan lóxico como poñer o almorzo", sentencia o xuíz, que absolve á procesada das acusacións.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE