Os profesores afectados polo peche de centros, pendentes do seu futuro

Xunta e sindicatos abordarán este martes a situación dos traballadores. Desde En Marea auguran "recortes".


|

EnsinomaniManifestación contra o peche de centros.


A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocou os sindicatos para este martes para abordar en mesa sectorial a recolocación do profesorado afectado pola reorganización de centros en Outes, As Pontes, O Porriño e Ribadavia.


Desde a Consellería aseguran a Europa Press que "ningún profesor poderá ser desprazado da súa localidade de destino, se así é o seu desexo", e que "se garantirán as necesidades educativas de todo o alumnado"


De momento, as organizacións sindicais atópanse estudando a situación e "solicitando datos" dos centros afectados, comparando a relación de cadros de persoal coa que propón a administración no texto provisional.


Suso Bermello, da CIG-Ensino, sinalou a Europa Press que "algúns" destes centros "perderán profesorado", aínda que de momento a central sindical só detectou posibles supresións no Porriño.


O secretario nacional do sindicato puntualizou que, "coma en todos os procesos de supresión de centros", a Administración buscará "maquillar" o efecto creando unha serie de aulas, para que este profesorado se adscriba a elas, que logo se eliminarán pasados "un ou dous cursos".


ATRASALO "UN ANO"


Paula Carreiro, de FETE-UGT, insistiu en que aínda "non queda moi claro" como se verá afectado o profesorado destes catro centros.


A pesar diso, reprochou as formas da Consellería de Educación, advertindo de que "antes de pechar centros hai que preguntar á comunidade educativa", criticando que "en ningún momento" se falou con pais, profesores ou alumnos.


Por iso, apostou por atrasar este proceso, "polo menos, durante este ano", ou que se realice un traslado paulatino para "ir estabilizando a situación do profesorado", ademais de solicitar a creación dun catálogo docente de secundaria e o impulso dunha mesa técnica, entre administración, sindicatos e comunidade educativa, para estudar a situación dos centros afectados.


Nesta liña, Verísimo Pazos (CC.OO.) reprochou que a Consellería actúe, de novo "con premeditación, aleivosía e en período non lectivo", dado que esta medida debería abordarse "desde hai tempo, e non esperar ao último día do curso".


"RECORTES" EN PROFESORADO


En Marea denunciou que o traslado de 180 alumnos do CPI Tomás de Lemos (Ribadavia) vai acompañado de "recortes" nas prazas de profesorado.


En concreto, nun comunicado, alertou de que a Consellería de Educación aproveita "a fusión" deste CPI co IES Ribeiro, de Ribadavia, para "recortar prazas de profesorado no centro", pois "fronte aos dez profesores cos que contaba o centro, o traslado de 180 alumnos só supón unha ampliación de persoal de entre tres e catro profesores".


A deputada Ánxeles Cuña advertiu de que tanto o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, como Núñez Feijóo, "mentiron" ao afirmar que a reorganización de centros só implicaba "cambiar dun lado a outro dunha parede".

relacionada Pais e alumnos protestan en Santiago contra o peche de centros educativos
relacionada Educación bota o peche a varios centros o próximo curso "sen previo aviso"
relacionada A Xunta consuma o peche anunciado dos colexios de Outes e As Pontes

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE