O mapa de emerxencias de Galicia, "ineficaz" para mobilizar recursos

Os bombeiros denuncian que a escaseza de efectivos, as distancias que hai que percorrer e os protocolos provocan "grandes conflitos e malos entendidos".


|

BombeirosgaliciaOs bombeiros quéixanse de "grandes conflitos" pola mala ordenación.

A plataforma de bombeiros públicos denunciou "graves deficiencias" na xestión dun operativo para apagar un incendio que calcinou un negocio familiar en Cerdedo-Cotobade o pasado sábado.


O lume deuse nunha carpintería que formaba parte da mesma estrutura dunha vivenda unifamiliar. O resultado foi a perda de ambas, segundo lamentan estes bombeiros a través dun comunicado de prensa.


Aseguran que os habitantes desta localidade se atopan nunha situación de "grave risco e abandono" debido ao "deficiente e ineficaz mapa de emerxencias de Galicia", que dá lugar, segundo indican, "a grandes conflitos e malos entendidos cando se trata da mobilización de recursos".


Así, a plataforma sinala que as chamas se iniciaron sobre as 19,00 horas e a continuación foron mobilizados os efectivos do parque comarcal de Ribadumia, que tardaron, segundo os seus datos e "debido á súa localización", 50 minutos en chegar ao lugar do sinistro.


"Desprázanse todos os efectivos, que son tres bombeiros, sufrindo un deles un golpe de calor durante a intervención. Durante toda esa noite o parque de Ribadumia queda deserto xa que fan tamén o relevo de quenda no lugar do sinistro á mañá seguinte", relata.


Ao lugar, segundo apuntan os bombeiros, chegou tamén un camión de efectivos forestais, "pero ao non tratarse dun incendio forestal deciden non intervir e retirarse". "Máis tarde, o camión forestal, regresa ao lugar motivado polo atraso (totalmente xustificado) dos bombeiros de Ribadumia, pero son rexeitados a pedradas polos veciños da zona, vítimas da súa desesperación e impotencia", afirman.


Engaden que "simultaneamente" se recibiu unha chamada no parque municipal de Pontevedra por parte do 112, "pero só a modo informativo". Por ser un Concello limítrofe, segundo apuntan, "teñen por protocolo informar, tendo en conta que xa estaban mobilizados os medios que lle correspondían ao Concello de Cotobade (os bombeiros de Ribadumia) e deixando claro a Pontevedra que non se requiren os seus servizos".


A continuación agregan que se repetiu a chamada ao parque de Pontevedra por parte do 112 "pero uns 30 minutos aproximadamente máis tarde da primeira chamada informativa, requirindo a necesidade dos seus servizos e pasando por alto o Platerga --plan territorial de emerxencias--, posto que os efectivos de Ribadumia aínda non chegaran ao lugar".


Bombeiros de Pontevedra informaron ao 112 "que ao tratarse doutro municipio deben consultar se poden abandonar o seu Concello". Ao estar a cidade do Lérez baixo mínimos e xa cos bombeiros de Ribadumia mobilizados, que era a quen correspondía a emerxencia, "ademais o 112 non declarou o nivel 1 do plan Platerga que é a canle legal que ten unha administración para solicitar medios externos de emerxencia a concellos limítrofes". "Finalmente desautorízase a saída de bombeiros de Pontevedra", sinalan.


Por último, critican que "unha hora despois da chegada ao lugar do incendio dos efectivos de Ribadumia chegan os compañeiros do Morrazo (21,00 horas), con todos os efectivos do dito parque (tres bombeiros)". "A zona do Morrazo queda desprotexida ata pasadas as 5,00 horas", finalizan.

relacionada Os bombeiros reprochan a Rueda que limite o conflito do 112 a un "problema laboral"
relacionada Acusan á Xunta de "temeridade" e "graves deficiencias" na xestión das emerxencias

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE