Clamor contra o "indecente número de camas" pechadas nos hospitais

O PP bota man de informes doutras autonomías para xustificar o recorte da actividade sanitaria no verán.


|

Hospitalpasillo


A oposición parlamentaria votou este martes a favor dunha moción presentada polo grupo socialista coa que critica o "indecente" número de camas pechadas no verán polo Sergas e pide a contratación de persoal para substituír os profesionais de vacacións para manter a actividade, unha iniciativa que non saíu adiante polos votos en contra do PP.


O deputado socialista Julio Torrado foi o encargado de defender a moción, na que apuntou que a sanidade galega ten un "cociente de persoal sanitario por cidadán dos máis baixos de España" e conta cunha "taxa de variación negativa". Esta situación agrávase durante o verán, no que a Xunta leva adiante "unha planificación sanitaria que non é para optimizar, senón para recortar, para ser máis cicateros".


Ademais de criticar esta xestión, a moción socialista pediu á Xunta de "facilite datos". "Pedimos un informe para saber en base a que datos se toman as decisións do verán", dixo Torrado, que tamén reclamou que "se avalíe a posteriori" a xestión e que "se contrate ás persoas necesarias para cubrir os servizos sanitarios" durante a época estival.


PECHE "INDECENTE"


Nun sistema sanitario cuxos profesionais soportan "unha carga asistencial insufrible", dixo a deputada do BNG Montse Prado, o PP "procede, ano tras ano, a pechar un indecente número de camas".


Do mesmo xeito, Prado criticou o "escurantismo e falta de transparencia" do Goberno do PP, que "non ten a valentía de dar os datos" sobre peche de camas, un proceso que "ten consecuencias no ámbito asistencial e laboral.


O BNG, que emendou a proposición socialista, reclamou que "non se pechen unidades de hospitalización" e se fagan "as contratacións necesarias para non proceder ao peche de camas", mantendo "operativos" os recursos sanitarios mentres "haxa listas de espera". Finalmente, reclamou que "non se deriven recursos á sanidade privada mentres haxa recursos públicos pechados".


Na mesma liña, a deputada de En Marea Eva Solla advertiu á Xunta de que "mentres haxa servizos deficientes e esperas, non procede pechar servizos no verán" e criticou o "desvío" de recursos á sanidade privada en lugar de "cubrir a pública". "Todos os anos se incrementan as partidas para a privada: Cantas contratacións se poderían facer para cubrir vacacións ou melloras en centros de saúde con esas partidas?", preguntou Solla.


Durante a súa intervención, o deputado popular Aurelio Núñez Centeno acusou á oposición de traer este tema ao Parlamento como unha "serpe de verán", á vez que defendeu a actuación da Xunta.


En particular, Núñez Centeno asegurou que "é difícil" cubrir certas prazas de facultativos especializados, algo para o que botou man de informes doutras comunidades autónomas, como é o caso de Andalucía, no que se apunta que "aínda que se quixese, non se podería aumentar a actividade durante o verán".

relacionada "Entre o 15 e o 20%" das camas do Sergas estarán pechadas este verán
relacionada O peche de camas provocará un aumento das listas de espera e "das listas do paro"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE