A vitoria da tenacidade

Eva Solla
Vicepresidenta do Parlamento

Vicepresidenta do Parlamento de Galicia e deputada de En Marea. Enfermeira nas listas de contratación do SERGAS. Cursou os seus estudos na universidade pública. Desde pequena tivo inquedanzas políticas aínda que comezou a súa militancia hai case unha década nas filas de Esquerda Unida. Actualmente é Coordinadora Nacional de Esquerda Unida. Desde 2014 é a secretaria xeral do Partido Comunista de Galicia.

112folga


O pasado mes escribía unhas liñas adicadas ás condicións de traballo do persoal das Emerxencias de Galicia, ao traslado da central á Estrada, aos fallos da plataforma informática e a unha folga que con gran esforzo mantiñan xa durante máis de mes e medio.


Aínda que a idea desta que escribe era poder facelo este mes sobre outro dos moitos problemas que atravesa o noso país, hoxe fai falta retomar o tema por unha moi boa noticia: tras case tres meses de folga indefinida, de soportar todo tipo de dificultades, a folga finaliza porque as traballadoras e traballadores conseguiron un acordo satisfactorio entre empresa e Xunta.


Foron tres duros meses de concentrarse diariamente con chuvia, sol ou o que cadrase -as fotos diarias nas canles das redes sociais o atestiguan-, días de traballar nos piquetes informativos. Días de días bos, días de días malos.


Pero se dalgo foron os días, alomenos ata o último mes, foron días de incomprensión por parte da Xunta, días de reclamar xuntanzas que non chegaban coa administración e coa empresa e momentos en que o acordo parecía lonxano.


No Parlamento, o Vicepresidente da Xunta rexeitaba o diálogo, trasladando á empresa concesionaria tal responsabilidade. Ata hai un mes, momento no que tivemos o último debate sobre o asunto en sesión plenaria, a posición era férrea en contra de negociar a maioría dos reclamos de compensacións laborais polo traslado e mesmo en contra de admitir os fallos evidentes da plataforma informática.


Foi a tenacidade das traballadoras e traballadores, a presión continua mantida, a que propiciou as xuntanzas e a que facilitou o acordo que puxo fin á folga do 112 en Galicia. Foi a vitoria da tenacidade.


Case tres meses despois vén ao pelo o artigo 'A folga non serve para nada' que escribía Isaac Rosa fai unhas semanas en eldiario.es.


O conquerido: suba salarial para compensar o desprazamento tras o traslado, marxe para maiores libranzas e algo moi relevante: subrogación das traballadoras do call center , esas persoas en situación laboral precaria que son as que deben recoller as nosas chamadas de emerxencia ante un accidente, unha agresión, un incendio…


A folga si serve. Vaia se serve! A pesar que ao sistema lle interese facernos crer a mentira de que non é así. Disuadirnos de empregar as escasas ferramentas que ten a clase traballadora para defenderse, para loitar polos seus dereitos.


Pero, probablemente, o mellor de todo, foi que inmediatamente tras erguer a situación de folga, o comité advertiu que non se esquecía doutro dos motivos da protesta: as carencias de recursos e os fallos do sistema informático. Abofé debe ser así.



Os atrasos, negados ata a saciedade pola Xunta, seguen dando problemas. Problemas graves que en ocasións eran xustificados pola propia Administración resposabilizando dos mesmos á situación de folga do persoal. Pero problemas tras os que tamén subxace o pecado orixinal: a privatización dos servizos de emerxencias.


É mester abrir o debate xa da necesidade de que os servizos de extinción de incendios, as urxencias médicas e as emerxencias do país sexan servizos públicos. A necesidade de afastar o lucro empresarial dos servizos que salvan as nosas vidas cando están en perigo. A necesidade de entender que nada debe haber por enriba de ese dereito.


A Xunta debería tomar nota de elo. A extensión durante tres meses de esta folga teríase evitado se se fixesen ben as cousas dende o inicio. Se tivesen acordado as condicións de ese traslado. Se dialogasen. Se non tivesen actuado con arrogancia.


Recentemente, ante a ameaza de traslado tamén do 061 para a central da Estrada, os traballadores e traballadoras están a denunciar a falla de diálogo e o desprezo por parte da Xunta, que non ten designado ningunha persoa interlocutora para a negociación.


Agardemos que a administración non volva caír no mesmo erro, non volte a abocar a traballadores e traballadoras á folga. Non volte poñer en risco os dereitos de todas as galegas e galegos a uns servizos dignos.

Porque se iso sucede, poden ter seguro que nin ese persoal nin a sociedade consciente dubidaremos en voltar sair á rúa, a exercer o dereito a reclamar os nosos dereitos.


Para gañalos, coma os gañaron as compañeiras e compañeiras das emerxencias. Con loita obreira. Coa victoria da tenacidade.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE