O PP bloquea a lei de identidade de xénero que piden os colectivos LGTBI

A oposición repróchalle que tombar esta proposta significa votar "si á transfobia". Os populares argumentan que non hai "consenso" para cambiar a lei.


|

Lgtbiparlamento 1

Colectivos LGTBI estiveron na tribuna do Parlamento.


O Partido Popular votou este martes en contra da toma en consideración da proposición de lei integral de identidade de xénero de Galicia, que defenderon os tres grupos da oposición e que, finalmente, non pasou este primeiro trámite en pleno tras o rexeitamento do grupo maioritario.


En Marea, BNG e PSOE debateron de forma acumulada no Parlamento a proposición de lei, que fora presentada polos tres grupos tras "acordala" cos colectivos implicados no movemento LGTBI.


Os representantes da oposición chamaron durante as súas intervencións ao Grupo Popular a votar a favor da toma en consideración desta lei para "garantir os dereitos do colectivo transexual" e visibilizar a súa situación. "Se votan non a esta lei, estarán a votar si á transfobia", resumiu o deputado de En Marea Marcos Cal.


Con todo, durante a súa quenda de intervención, a deputada do PPdeG Marta Rodríguez-Vispo explicou que o compromiso da Xunta con este colectivo está "plasmado na lei de 2014", de igualdade de trato e non discriminación LGTBI, polo que rexeitou a necesidade de poñer en marcha máis lexislación na materia.


Do mesmo xeito, rexeitou que a unidade especializada aprobada pola Xunta pretenda "patoloxizar" a transexualidade, senón todo o contrario. "O que vostedes propoñen nesta lei é o mesmo que imos facer nós coa unidade de referencia", dixo Rodríguez-Vispo, que deixou entrever que as diferentes asociacións deste colectivo expoñen propostas diferentes e non se senten "representadas" polas federacións maioritarias.


CONCENTRACIÓN ÁS PORTAS DA CÁMARA


Membros do colectivo transexual concentráronse ás portas do Parlamento de Galicia despois da votación que rexeitou a toma en consideración desta lei, tras asistir ao debate da mesma.


En declaracións aos medios, unha das activistas, Sara Romero, cualificou de "ridícula" e "denigrante" a posición do Partido Popular e lembrou que "o único" que piden é "igualdade de dereitos" e que se lles "permita a libre determinación de xénero".


"Discriminasenos por ser trans", dixo Romero, que lembrou que, se non dispoñen "dun documento" que lles identifique, vense obrigados a "dar explicacións a todo o mundo" sobre as súas circunstancias. "A nosa palabra sempre está en cuestión", lamentou.


Para a activista, o PP lanzou "a mensaxe de 'queremos guerra'" co seu posicionamento, ante o que garantiu que o colectivo "non vai parar" e "seguirá con esta lei, que se aprobará a nivel Estatal antes que en Galicia".

relacionada A oposición rexistra un borrador de lei galega de identidade de xénero
relacionada Asociacións LGTBI convocan en Santiago unha manifestación polo "dereito a ser e a existir"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE