A Xunta revisa á alza as súas previsións: "Achegarémonos ao 3% de crecemento"

O conselleiro de Facenda promete que se notará no emprego. O 'rolete' popular aproba unha modificación de 228 millóns nos Orzamentos.


|

Valerianoruedafeijoo

Valeriano Martínez, con Rueda e Feijóo.


O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, adiantou que o Goberno galego prevé unha "forte revisión á alza" da previsión de crecemento da economía galega, fixada no 2,4% para este exercicio. "Achegarémonos ao 3% de crecemento e consecuentemente haberá unha mellora dos parámetros de emprego", anunciou.


Díxoo durante o debate da modificación dos orzamentos da Xunta deste ano 2017, que sumarán 228 millóns de euros coa aprobación por lectura única do proxecto de lei que os cambia, nunha operación que a oposición tachou de "trágaa procedimental" e na que viu unha "chapuza" que "furta o debate" e "desvaloriza" as funcións do Parlamento galego.


Tras a votación e aprobación da lectura única grazas ao apoio dos populares, o primeiro en tomar a palabra foi o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, quen defendeu como "responsable" esta actuación que incorpora novos recursos ás contas da comunidade.


CRÍTICAS Á LECTURA ÚNICA


O primeiro debate centrouse nas críticas á utilización do procedemento de lectura única, para Manuel Lago (En Marea) unha "deturpación" do necesario proceso de debate e un "ordeno e mando" do Partido Popular.


Leiceaga, facendo referencia a ditames de varios expertos, reprochou que esta fórmula "impide as achegas dos grupos" e converte a actividade parlamentaria nun "xogo de todo ou nada".


Mentres, a nacionalista Noa Presas incidiu en que "non hai urxencia excepcional xustificada", a pesar de que "sexa regulamentario, co regulamento na man". "Non queren escoitar a ninguén", recriminou aos populares, a quen acusou de "prepotencia".


Pola súa banda, o portavoz do PP no Parlamento de Galicia, Pedro Puy, cualificou de "plausible" a petición da Xunta de tramitar este proxecto de lei por esta vía e, ademais, reivindicou que si "hai debate", "aínda que só sexa dun día".


TRES OBXECTIVOS


No debate do proxecto, Valeriano Martínez lembrou que o Goberno persegue tres obxectivos fundamentais con estes case 230 millóns adicionais.


En primeiro lugar, "consolidar" o crecemento da economía galega "para seguir crecendo con forza e que iso se traduza en máis e mellor emprego"; en segundo posto, reforzar o gasto social para que os cidadáns vexan "maximizado o seu benestar"; e en terceiro termo, que os empregados públicos poidan ver incrementado un 1% os seus salarios con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro.


Martínez defendeu aprobar esta lei "coa máxima axilidade posible" e "con responsabilidade", tendo en conta que está "confirmada" a posibilidade de recibir estes novos fondos. Antes, subliñou, "non se incluíron por non ter esa certidume", xa que a Xunta aprobou as súas contas meses antes que o Executivo central.


DEBATE SOBRE OS RECURSOS


Xa nunha segunda quenda, Lago indicou que En Marea cre que o orzamento galego debería volverse a debater "de cero" e rexeitou tamén, en consecuencia, a presente modificación, cun proxecto que pediu devolver.


Previamente, preguntou a Martínez "como pode presumir" da situación de Galicia cos niveis de paro e risco de exclusión social existentes. "Como pode explicar que sexa a comunidade coa peor evolución laboral das 17?", interrogoulle.


Xoaquín Fernández Leiceaga cualificou de "pura propaganda" as actuacións previstas para impulso económico, e falou de "reforzo insuficiente" en varias partidas sociais.


Por iso, o socialista trasladou a proposta do seu grupo de incrementar o destinado á Risga (renda de integración social de Galicia) e á dependencia, entre outros ámbitos.


Presas expuxo, por parte do Bloque, un "plan de reversión de peches de centros públicos" e outro "específico" para a educación no rural e na montaña.


Xunto a estas presentou outras medidas alternativas como o incremento de fondos para a loita contra incendios. Ao seu xuízo, o "remendo" que supón este cambio orzamentario "resta eficacia" ao gasto público.


Ao lado dos populares, Puy fixo alusión ao "desbloqueo da situación política" e á recente aprobación das contas estatais como unha das causas deste debate --a política--.


Outro motivo, segundo afirmou, é xurídico (relacionado coa capacidade de gasto); e unha razón máis é a económica, ao seu xuízo a "fundamental". "Que a economía vai ben e hai máis recursos para poder facer cousas", resaltou, antes de reivindicar a maneira en que orza o Goberno de Núñez Feijóo.


relacionada A Xunta pretende modificar as contas pola vía rápida sen debate

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE