O urbanismo salvaxe aprovéitase da costa galega desprotexida

|

AltarplayabarreirosurbanismoPraia de Altar, ante o formigón de Barreiros. //Foto: Turismo.gal

Parques Naturais aparte, o litoral galego é dos máis desprotexidos de España. Así o sinala o informe 'A toda costa' feito público este luns por Greenpeace. De feito, Pontevedra é, xunto con Granada, a provincia española con menor porcentaxe de superficie litoral afectada por figuras de protección ambiental, un ránking no que Lugose sitúa en terceira posición.


O estudo, que realiza unha análise provincia a provincia litoral, pon de manifesto tamén os riscos da "alta presión urbanística" en áreas tanto de Lugo como de Pontevedra.


No caso de Lugo, o informe apunta que a superficie litoral protexida é de só o 3,3% do total, "un dos máis baixos da costa española". Do mesmo xeito, e aínda que recoñece que a provincia "logrou unha urbanización non excesiva no litoral", a asociación ecoloxista detecta zonas con "crecementos urbanos preocupantes", sobre todo entre os espazos naturais da ría de Foz e As Catedrais.


Na Mariña, saca a relucir o caso de Barreiros, "coñecido como a Marbella lucense", un municipio do que afea o seu "crecemento urbanístico desmedido e, en boa parte, ilegal".


Así mesmo, na zona menciona verteduras "procedentes da fábrica de Alcoa" que "afectan á pesca e mesmo á poboación de San Cibrao", aínda que a calidade das augas, recoñece, "é elevada".


PONTEVEDRA, Á CABEZA


SilgarsanxenxoSanxenxo, construído ao redor da praia de Silgar. //Foto: Turismo.gal

O informe de Greenpeace sitúa a Pontevedra, xunto con Granada, como a provincia española con menor porcentaxe de protección de áreas de litoral, un 3,1% da franxa de 10 quilómetros desde a costa ao interior --4.289 hectáreas--.


O espazo natural máis importante nesta zona, indican, é o Parque Nacional das Illas Atlánticas, que comparte coa Coruña, así como o complexo intramareal Umia-O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e Lagoa Bodeira.


No relativo á presión urbanística, Greenpeace indica que Pontevedra ten "unha fronte costeira relativamente curta, pero que se prolonga moito polo interior das Rías Baixas" e unha presión urbanística que "se dirixe con intensidade ás ribeiras interiores das rías. Identifica "tres zonas moi cobizadas": o fondo da Ría de Vigo, o fondo da Ría de Arousa e a Illa de Arousa.


Greeenpeace fai referencia tamén aos "elefantes brancos", en desuso, e no caso de Pontevedra critica o "paradigmático" caso de Sanxenxo.


A CORUÑA, EN MELLOR SITUACIÓN


No caso da Coruña, provincia que conta cun dos litorais máis longos da España peninsular, Greenpeace indica que ten protexidas 29.180 hectáreas, o 9,1% do total, o que a converte na provincia 17 con menor área dentro de figuras de protección.


No ámbito da presión urbanística, a situación tamén é mellor que nas outras dúas provincias. En concreto, a entidade destaca como áreas con maior presión Fisterra-Río Xallas, Rates-Louro, Corrubedo-Noia e Boiro-Catoira (Pontevedra).


En particular, Greenpeace chama a atención sobre o impacto ambiental da fervenza de Ézaro, "cortada por unha minicentral" eléctrica; e os "elevados niveis de contaminación" da ría do Burgo.

relacionada Preto de 50 praias forman parte da rede galega de areais sen fume

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress