O espectáculo de Rammstein pasa á historia do Resurrection

Os alemáns ofreceron un calculado e contundente espectáculo de pirotecnia e metal na súa única cita na Península.


|

RammsteinresurrectionLume e metal industrial, a receita do éxito.


O espectáculo de pirotecnia de Rammstein iluminou a noite grande da edición 2017 do Resurrection Fest, unha actuación que quedará marcada a lume na historia deste festival de Viveiro grazas a un engraxado artefacto musical de metal industrial.


"Viva España", esa foi unha das poucas interaccións da banda co público nun espectáculo calculado ao milímetro. Arrincou con 'Ramm 4'; enchufó aos seus fans con temas como 'Reise, reise' e 'Keine lust'; e a noite acabou por rebentar con cancións de 'Mutter' (2001) --un dos seus discos máis recoñecidos-- como 'Feuer frei!' (traducido significa 'Abran fogo'), 'Ich will', 'Mein Herz Brennt' e 'Links 2-3-4'.


Durante todo o venres, unha fina choiva caeu sobre os asistentes --80.000 ao longo desta edición-- a este festival en Viveiro, pero durante algo máis da hora e media que os alemáns estiveron encima do escenario nin a auga quixo facer acto de presenza para apagar as chamas que corrían sobre as cabezas do grupo bávaro e espectadores.


A lista da impoñente posta en escena dos alemáns pasa por lanzachamas, fogos artificiais, un chapeu que implosiona no aire e ata un chaleco con explosivos para simular unha inmolación, usado polo cantante e líder do grupo, Till Lindemann, durante a interpretación de 'Zerstören'.


O único recital este ano na Península Ibérica dunha das bandas de metal de máis renome e máis provocadoras desde mediados dos noventa non defraudou.


TRACA FINAL: "INCRIBLE"


A versión de 'Stripped' de Depeche Mode puxo o punto e seguido antes de que chegase a traca final dos bises. Así, foi a quenda de 'Sonne', 'Amerika' e o seu pegadizo refrán, xunto a 'Engel', con Lindemann ensartado entre dúas xigantescas ás prateadas.


"Querémosvos. Moitísimas grazas. Incrible!", con estas palabras parecía despedirse Lindemann ante unha gran ovación dun público entregado tras a súa interpretación do clásico 'Engel'.


Cos focos xa acesos e a multitude comezando a avanzar cara á zona de saída do escenario principal escoitouse de novo a atronadora voz do cantante alemán no seu peculiar castelán. "Quierro más?", preguntou chapurreando. O público gritou que si e chegou 'Te quiero puta', que ten letra en español, para o peche.


A falta dunha última xornada de sábado, con grupos como Rancid e Mastodon, os seguidores do Resurrection pregúntanse que chegará en 2018 a esta vila mariñeira lucense despois de acoller nos últimos tempos a grupos como Iron Maiden ou Rammstein. Só o tempo dirá cal é o teito dun festival que naceu como cita pequena e foi crecendo ano a ano ata converterse en referente na escena estatal e europea.

relacionada O Resurrection volverá levar máis de 80.000 persoas a Viveiro

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE