O BNG denuncia a España en Europa por non avaliar riscos en Angrois

A portavoz nacionalista en Bruxelas rexistrará o texto na Comisión, antes de reunirse o luns co gabinete da comisaria de transportes.


|

AnamirandacomisioneuropeaAna Miranda, portavoz do BNG en Bruxelas.


A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, presentará este venres na Secretaría Xeral da Comisión Europea unha denuncia contra o Estado español por infracción do dereito comunitario en materia de seguridade ferroviaria, en relación co accidente do tren Alvia que ocorreu hai agora case catro anos no barrio compostelán de Angrois. Morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas.


No texto, que recolle Europa Press, a nacionalista, vicepresidenta de Alianza Libre Europea, considera que debe abrirse un novo procedemento de infracción contra España "pola vulneración da normativa europea aplicable sobre seguridade e interoperabilidade ferroviaria".


En concreto, céntrase no mesmo punto que trata de dirimir nestes momentos a causa nos xulgados composteláns: o control integral --abarcando todos os subsistemas-- dos riscos e "a verificación de cambios substanciais" na seguridade ferroviaria concernentes tanto á liña que conecta Ourense-Santiago como ao tren Alvia e a "as condicións de seguridade" do proxecto.


"A normativa comunitaria esixe que os Estados membro velen por que a responsabilidade da explotación segura do sistema ferroviario e do control de riscos creados nel corresponda aos administradores da infraestrutura e ás empresas ferroviarias", subliña na denuncia.


Este venres, cando se cumpre xustamente un ano da revelación do informe da Axencia Ferroviaria Europea sobre a CIAF (comisión de investigación de accidentes ferroviarios), Miranda rexistraraa en Bruxelas. O luns prevé reunirse co xefe de gabinete da comisaria de Transportes, Violeta Bulc, que nos últimos meses mostrouse moi comprometida coas vítimas do accidente.


A presentación deste documento por parte do Bloque prodúcese despois de que a Comisión Europea haxa escrito esta semana á CIAF, para convidarlle a reabrir a investigación sobre o sinistro da curva da Grandeira.


Así as cousas, a portavoz do BNG formaliza este venres a solicitude de apertura dun novo procedemento de infracción contra España por, supostamente, non avaliar os riscos. "De avalialos, a liña non estaría en marcha con ese material, e o accidente non se produciría", advertiu a nacionalista.


Precisamente o instrutor do caso acaba de reclamar un informe á Axencia Ferroviaria Europea sobre estes aspectos, acerca dos cales o organismo comunitario xa se pronunciou tanto no seu anterior escrito sobre a indagación que fixo a CIAF como nunha resposta aos afectados, deixando claro que a avaliación do perigo era preceptiva e non se fixo adecuadamente.


UNS SEIS MESES


Ana Miranda explicou a Europa Press que este tipo de denuncias adoitan implicar un prazo duns 15 días para que a Comisión certifique o rexistro e outros seis meses despois, aproximadamente, para que indique se é admisible ou non.


Neste contexto, a portavoz do Bloque deu permiso á Comisión Europea para que dea a súa información ao Ministerio de Fomento no caso de que este queira saber quen presentou a denuncia.

relacionada A UE solicita por carta que se reabra a investigación do accidente de Angrois
relacionada Adif realiza un simulacro de accidente como o de Angrois en Pontevedra
relacionada Vítimas do Alvia organizan unha marcha para conmemorar o cuarto aniversario da traxedia

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE