Desenterran o manifesto dos alcaldes a 10 días do novo conclave

Dirixentes de mareas locais e outros cargos reivindican o espírito de "unidade" do documento que impulsou a confluencia.


|

Alcaldesmareacafe


Dirixentes de distintas mareas municipalistas, incluídas as que gobernan en Santiago, A Coruña e Ferrol, así como varios cargos integrados en En Marea reivindicaron este martes o espírito de "unidade" do manifesto subscrito polos alcaldes hai un ano.


Cando apenas restan 10 días para a celebración do plenario no que se abordará a situación da formación rupturista e despois de que Luís Villares non conseguise sacar adiante a integración buscada cos críticos, varios dirixentes utilizaron as redes sociais para rememorar o simbólico documento impulsado por Martiño Noriega, Xulio Ferreiro e Jorge Suárez, alcaldes das tres cidades coruñesas.


O texto lido entón desde a cidade departamental foi o punto de orixe da confluencia para as autonómicas e chamaba a superar a coalición existente no plano estatal (a través dun pacto entre partidos) por un instrumento que debía ser "aberto e democrático", así como "representativo" da ampliación da súa base social.


Precisamente, apostaba por alargar esa base a través da incorporación das mareas municipalistas, das candidaturas de unidade popular e outros actores políticos e sociais que se sentisen representados por este novo espazo político.


Un ano despois, ás portas do plenario do día 15, a formación rupturista, con quen fora designado candidato á Presidencia da Xunta á fronte da organización, non conseguiu deixar atrás os conflitos internos.


E é que tras a elección da coordinadora que capitanea Villares, os tres alcaldes e outros cargos públicos chegaron a cuestionar en público a falta de pluralidade deste órgano, no que se viu minguada a presenza de Anova, Marea Atlántica, Podemos, Esquerda Unida e outras mareas municipalistas, como Ourense en Común e Nós Pobra.


#ENMAREAIMPORTA


Entre os cargos que agora fixeron valer o 'hashtag' #EnMareaImporta para apelar ao manifesto do 5 de xullo de 2016 atópanse os deputados no Congreso Yolanda Díaz (EU) e David Bruzos (Ourense en Común); os parlamentarios autonómicos Luca Chao (Podemos) e Antón Sánchez (Anova); e concelleiros como Alberto Lema (Marea Atlántica) e Ledicia Piñeiro (Ourense en Común).


Tamén o alcalde de Santiago compartiu no seu perfil a mensaxe emitida por Compostela Aberta e Marea Atlántica en favor da unidade pola que clamaba o manifesto hai un ano, mentres desde Ferrol en Común retuitearon diferentes textos na mesma liña.


"Hai case un ano que acordamos a alegría e o futuro por diante das siglas e os personalismos", escribiu Ledicia Piñeiro, mentres que outro dos críticos, o dirixente de Anova Rafa Dopico, salientou a importancia de "non variar o rumbo" iniciado entón. Así mesmo, Borja San Ramón (Podemos) chamou a "seguir tendendo e recuperando pontes".


Tras ducias de mensaxes coa etiqueta #EnMareaImporta, o propio Villares sumouse a esta proclama cunha apelación para construír "o desexado espazo de fraternidade" e sen perder de vista "o ben común". "Hai sitio para todos", lanzou nun comentario que compartiu Mario López Rico (Cerna).


De feito, o veterano nacionalista definiu o partido instrumental como "a demostración de que a suma sempre é mellor que as partes por separado", á vez que requiriu "respecto" e "cooperación".


VILLARES VISITA A CORUÑA


Ademais, López Rico deu conta de que Villares estará este mércores, ás 20,30 horas, no local de Marea Atlántica para "render contas do traballo" feito ata agora. "Escoita e fala en directo, versión orixinal sen subtítulos", animou a asistir.

relacionada Villares defende que o seu "chamamento" á integración "non ten caducidade"
relacionada O Consello das Mareas rexeita ampliar a coordinadora para integrar sensibilidades

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE