A patronal aceptará que os soldos máis baixos suban por encima do 2,5%

|

RosellceoepatronalJuan Rosell, durante un acto.

O presidente da CEOE, Juan Rosell, mostrouse disposto a negociar cos sindicatos que os salarios máis baixos suban máis que o resto, mesmo por encima do 2,5%, o tope máximo fixado na súa proposta salarial para o acordo de negociación colectiva.


Rosell, en declaracións á cadena SER recollidas por Europa Press, recoñeceu que existe "unha cantidade de xente moi importante" con salarios moi baixos.


"Quizáis, para os acordos cos sindicatos, chegou o momento de facer formulacións distintas para os salarios moi baixos e os non tan baixos, aceptando incrementos moitísimo máis importantes para os salarios baixos", apuntou Rosell.


Sindicatos e patronais están a tentar pechar o acordo de negociación colectiva para 2017, para o que os sindicatos propuxeron unha subida salarial de entre o 1,8% e o 3%, fronte ao incremento de entre o 1% e o 2,5% (medio punto vinculado a produtividade) que presenta a patronal.


A ministra de Emprego, Fátima Báñez, instou onte a subir os salarios en España para fortalecer a recuperación, compasándoos ao ritmo de creación de emprego.


"O MÁIS PRETO POSIBLE DO 3%"


O novo secretario xeral de CC.OO., Unai Sordo, afirmou este mércores que a subida salarial de 2017 debería estar "o máis preto posible" do 3%, é dicir, preto da porcentaxe máxima establecida polos sindicatos na súa proposta salarial á patronal para o acordo de negociación colectiva.


Sordo, en declaracións a TVE recollidas por Europa Press, coincidiu coa ministra de Emprego, Fátima Báñez, en que é o momento de que os salarios suban en España tanto por razóns de xustiza como de eficacia económica, pois os aumentos das retribucións dos traballadores impulsarían a demanda interna e, por tanto, a economía nacional.


O dirixente sindical insistiu en que deberían pechar o acordo de convenios para 2017 no mes de xullo, porque pola contra non serviría para moito. "Non estamos nin para perder o tempo nin para facer o parvo (...) É cuestión de días a resolución da negociación coa patronal, con ou sen acordo", subliñou.


Sordo insistiu en que este acordo debe servir para recuperar os soldos en España, pois os incrementos medios actuais pactados en convenio (1,27% ata xuño) están moi afastados do crecemento do PIB e os salarios perderon durante a crise catro puntos na distribución da renda nacional.


Sordo afirmou ademais que lograr un pacto salarial para 2017 coa patronal poñería os sindicatos en mellor disposición para traballar, despois do verán, nun acordo de negociación colectiva para 2018 ou mesmo para máis exercicios, no que abordar asuntos de maior calado, como a recomposición do modelo de relacións laborais.


Ao novo líder de CC.OO. non lle gusta o actual modelo laboral, que considera danado polas últimas reformas laborais, das que cre que habería que modificar os seus elementos centrais, entre eles o que se deu máis relevancia ao convenio de empresa que ao sectorial; o poder que se lle atribuíu ao empresario para modificar as condicións laborais pactadas en convenio, e a regulación da 'ultraactividade'.

relacionada Báñez recoñece que os salarios están a quedar fóra da recuperación

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress