Contra o eucalipto e os incendios forestais, frondosas e árbores froiteiras

O Concello de Ames estende un programa "pioneiro" que pretende servir de guía para outros puntos de Galicia.


|

DesbroceamesTractor dedicado á limpeza do monte. Foto: Concello de Ames

O combate dos incendios forestais e a loita contra a expansión do eucalipto en favor de especies autóctonas son os criterios que seguiu o Concello de Ames (A Coruña) para poñer en marcha un programa "pioneiro" de substitución de árbores consideradas inflamables por outros con maior resistencia ás chamas.


Coa imaxe na retina dunha pequena aldea portuguesa rodeada de carballos e castiñeiros que se salvou do incendio de Pedrogão, este municipio veciño a Santiago decidiu poñer en valor unha estratexia que arrincou hai varios meses na aldea de Piñeiro e que se estenderá por todos os seus núcleos.


En concreto, en conversación con Europa Press, o alcalde, o socialista José Miñones, enmarcou esta estratexia dentro do plan deseñado polo seu goberno para tratar de previr os incendios forestais. Tanto é así que parte das brigadas de extinción continúa en Ames despois do verán para colaborar nos labores de plantación.


Como explicou, tras unha fase inicial de falar cos veciños de cada lugar e de lograr o seu visto e prace, asínase un convenio polo que o concello se fai cargo do 80 por cento dos gastos de limpeza do monte e de repoboación cunhas especies que se deciden entre os técnicos municipais e os propietarios do chan.


UN MILLEIRO DE FROITEIROS


Na aldea que protagoniza este plan piloto, onde as actuacións abarcan 37 leiras, as árbores escollidas son castiñeiros, nogueiras, aveleiras e cerdeiras. Son un milleiro de exemplares distribuídos nunhas dúas hectáreas, que posibilitarán aos seus donos obter un beneficio económico diferente do madeireiro.


Ante a "boa" acollida que tivo este plan entre os veciños de Piñeiro, os traballos continuarán á volta do verán en Aldea Nova, unha zona moi castigada polo lume na que tamén se modificará a vexetación no perímetro das vivendas.


QUEN O PAGA?


Unha das cuestións que fan único este programa de reforestación é que se financia integramente á conta das arcas municipais; posto que, aínda que son varios os concellos galegos que sacaron adiante mocións en contra da expansión do eucalipto, ningún dispuxo achegas económicas.


"Esas axudas son competencia da Xunta", recalca o alcalde de Bueu (Pontevedra), o nacionalista Félix Juncal, quen lembra que os municipios non teñen nin a capacidade para actuar nesta materia nin os recursos suficientes.


No seu concello aprobouse unha iniciativa para reclamar que se compense aos propietarios dos montes a cambio de que erradiquen os eucaliptos, e a idea do rexedor é que sirva tamén para "concienciar e sensibilizar do problema" que para os nosos montes supón "manter o actual nivel de ocupación" desta especie.


Algo similar ocorre en Teo (A Coruña), onde tamén apoiaron unha proposta "declarativa", en palabras do primeiro edil, Rafael Sisto (Anova), que avoga pola plantación de especies autóctonas.


De igual modo, no concello lucense de Folgoso do Courel, liderado polas popular Dores Castro, declaráronse "libres de eucaliptos", e aspiran a erradicar os escasos exemplares que albergan desta especie en favor dos castiñeiros.


O CUSTO É "MOI ALTO"


Tamén no Grove (Pontevedra), déronse pasos. Ademais de comprometerse a erradicar os eucaliptos das zonas públicas, como destaca o seu alcalde, José Antonio Cacabelos (PSOE), requírese á Xunta que non permita repoboar con estas árbores para así "ir cambiando a fisonomía do monte galego".


En paralelo, fai fincapé en que o Executivo galego "debería dar axudas" para fomentar que se eliminen as especies pirófilas e se reforeste con árbores autóctonas, que "se comportan mellor contra o lume". Porque o custo de acometer eses traballos, esgrime, é "moi alto".


Tanto é así que o goberno local de Ames buscou cofinanciación da Xunta, un aspecto no que non tivo éxito a pesar do "interese" mostrado pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, ao redor do seu proxecto.


"INVESTIR EN PROTECCIÓN"


A partir de aí, consciente de que a prevención de incendios forestais a través, por exemplo, da limpeza de parcelas, tamén forma parte das responsabilidades municipais, este concello decidiu actuar.


"Decidimos investir en protección", resumiu o amiense, quen espera que este programa "pioneiro" poida servir de guía para outras localidades.

relacionada Máis sancións para os propietarios que non rocen as súas leiras
relacionada O BNG chama a "poñer freo á expansión descontrolada e monocultivo do eucalipto"
relacionada Feijóo fai legal o ilegal e provoca un "efecto chamada" a plantar eucaliptos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE