O mercado laboral galego non conta cos menores de 29 anos

Este grupo de idade só consegue un de cada 25 novos empregos que se crean en Galicia, a metade que no resto de España.


|

Construccionjovenesempleo


Os menores de 29 anos só conseguiron un de cada 25 novos empregos creados en Galicia o ano pasado, segundo o resumo executivo da publicación 'A economía galega. Informe 2016', que foi presentado este luns na sede de Afundación en Santiago.


No mercado laboral, e para o colectivo de menos idade, a evolución no conxunto estatal "tampouco é boa", pero "polo menos os mozos lograron un de cada 12 novos empregos", segundo recolle o documento.


Así, constata que os mozos foron os máis afectados pola crise en termos de perda de emprego, e identifícaos como "os grandes esquecidos na recuperación". Ademais, sinala, "a temporalidade aumentou considerablemente e cada vez son máis os empregos a xornada parcial".


Con todo, esta non é a única explicación. Respecto diso, o coordinador do estudo, Alberto Meixide, director do Idega da USC, apuntou en rolda de prensa á "saída de traballo cualificado" e a problemáticas como a "sobrecualificación" e o "desfasamento" do sistema educativo no que se refire a "necesidades das empresas".


Xunto a el, o director xerente de Afundación --herdeira da obra social das extintas caixas de aforro galegas--, Pedro Otero, reivindicou a "colaboración entre entidades" --tamén participa o Ieside-- para elaborar este informe, que sobre outono verá chegar a súa versión ampliada.


Pola súa banda, o director xeneral adxunto de planificación estratéxica de Abanca, Pedro Veiga, explicou que o obxectivo deste resumo adiantado é tamén "alcanzar un público máis amplo".


"HAI RISCOS"


Na súa exposición do informe, Meixide, máis aló dos datos xa coñecidos --Galicia acelerou o seu crecemento en 2016 cun resultado "que non se vía desde 2007", por encima do 3% (3,1% segundo o IGE e 3,4% segundo o INE)--, fixo mención ás perspectivas para o exercicio en curso.


Así, indicou que "en xeral todos os indicadores suxiren que se vai manter un claro dinamismo" económico, pois "case todos" os organismos están "a revisar á alza" as súas previsións.


Con todo, tras repasar factores da contorna e outros internos que favorecen este tendencia, avisou de que tamén "hai riscos", pois "antes ou despois vaise esgotar o impulso" que dan elementos como o prezo do petróleo e a fin dalgunhas incertezas políticas --pola existencia doutras--, xunto a un elevado nivel de endebedamento aínda. "Hai riscos e ventos de cola que van desaparecer", incidiu.


A preguntas dos medios de comunicación, sobre o efecto do turismo, subliñou que as expectativas para 2017 son "mesmo mellores" ás do pasado ano, aínda que non é "nin a única nin a principal causa" do crecemento económico galego, simplemente "unha das pancas" do mesmo.


Acerca da formación bruta de capital, e a súa desaceleración, viu nel un dato "conxuntural", e dixo tamén que o investimento estranxeiro "é tremendamente volátil", e ten neste momento aos grupos chineses como principais protagonistas.

relacionada Feijóo anuncia un paquete de medidas para fomentar o emprego entre os mozos
relacionada Báñez anuncia unha axuda mensual para 'ninis' de 430 euros
relacionada O paro en España segue sendo case o dobre da media dos países da eurozona

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE