Traballadores do Chuac rebélanse contra a política de peche de camas no verán
Os profesionais séntense "maltratados" pola Administración e piden "menos propaganda" e máis "seriedade" sobre as contratacións.
Traballadores do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) esixen á Administración galega que non baixe a actividade asistencial durante os meses de verán e que se incremente o persoal do centro. Ademais, piden unha "maior seriedade" na atención sanitaria prestada e unha "menor propaganda" sobre a contratación de máis efectivos.
Diso deu conta nun comunicado aos medios a presidenta da Comisión de Centro, María Seijo, quen explicou que "a pinga que colmou o vaso" foi o "novo peche de camas e unidades cirúrxicas", nunha situación de "masificación como a que está a vivir o Chuac".
Segundo informou, a diminución de camas afectará especialmente a área de Medicina Interna, onde a Xerencia pretende "pechar un 30% delas".
Neste sentido, tachou de "inaceptable" o momento que se está vivindo e denunciou que a poboación da área sanitaria da Coruña está a aguantar listas de espera "asfixiantes en todos os ámbitos".
FALTA DE PERSOAL
Ademais, os profesionais do hospital, a través desta Comisión, denunciaron sentirse "maltratados" pola Administración ao soportar "unha alta presión durante todo o ano por falta de persoal na maior parte dos servizos".
Así, Sánchez alega que, de contar os cadros de persoal cos integrantes necesarios, "acabaríase coa contratación precaria, abusiva e en fraude que practica a Consellería e o Sergas".
Esixiu, por tanto, que "non se reduza a actividade durante o verán" e que se realice a contratación "necesaria" para atender a demanda sanitaria da poboación.
Por último, pediu que se acabe con esta xestión "que só se preocupa de reducir o gasto a pesar de incrementar listas de espera e saturar as urxencias cada verán".
Escribe o teu comentario