A campaña de rebaixas de verán xerará 6.100 empregos en Galicia
Trátase dun 4% máis que durante o ano 2016, segundo as previsións de Adecco.
A campaña de rebaixas de verán xerará 6.100 empregos en Galicia, un 4% máis que durante o ano 2016, segundo as previsións de Adecco, que sitúan á comunidade galega nun punto intermedio en canto a estimacións por autonomías.
Por provincias, Pontevedra liderará a contratación en Galicia, cos seus 3.000 postos de traballo vinculados ás rebaixas. Séguelle de preto A Coruña, con 2.400 e con cifras moito máis reducidas quedan Ourense (380) e Lugo (340).
No conxunto estatal, as rebaixas de verán supoñerán a creación de 155.500 empregos, un 7% máis. Adecco resalta que, un ano máis, o consumo será "o epicentro" desta campaña, que se inicia oficialmente o próximo 1 de xullo na maioría das comunidades autónomas.
Sectores como o de distribución e retail, comercio e loxística e transporte serán os principais motores de creación de emprego, de acordo coas súas previsións.
En concreto, segundo Adecco, a contratación para os sectores de distribución e retail e comercio pode incrementarse ata en un 30% con respecto a outros meses do ano. Se se compara co emprego xerado na mesma campaña de 2016, o crecemento pode chegar nalgunhas zonas ao 20%.
No sector da loxística e o transporte, imprescindible na actualidade polo auxe do e-commerce, o incremento interanual do emprego podería alcanzar o 8%.
Escribe o teu comentario