Villanueva tampouco estaba informado sobre o desaloxo do edificio okupado en Santiago

Mostra a súa sorpresa polo comunicado do Colexio de Xornalistas e di que non existen queixas "formais" sobre a actuación policial. 


|

Santiagovillanueva2


O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, asegurou que non foi informado previamente sobre o desaloxo do edificio okupado na Algalia de arriba de Santiago de Compostela porque na sentenza o xuíz "di a quen hai que informar". Ademais, móstrase sorprendido polo comunicado do Colexio de Xornalistas e defende que non hai queixas "formais" por parte de xornalistas sobre a actuación policial.


Nunha entrevista este domingo na Cadena Ser recollida por Europa Press, Villanueva cualificou de "polémica absurda" a situación aberta tras o desaloxo do local okupado como centro social durante tres anos polo colectivo Escárnio e Maldizer e nega que mantivese algún contacto co rexedor santiagués, Martiño Noriega, desde o día despois da actuación.


Así, Villanueva foi cuestionado sobre as acusacións de falta de colaboración institucional por parte da Delegación do Goberno emitidas polo alcalde compostelán, molesto porque non ser informado sobre a actuación policial do 30 de maio.


Deste xeito, defende que a Delegación "sempre mantén colaboración cos concellos e comunícanse as cousas que hai que comunicar" pero que, neste caso, existe "unha sentenza e un auto" no que o xuíz "indica cando e como hai que proceder ao desaloxo", así como "a quen hai que comunicarllo".


"Neste terceiro suposto non indica que se lle debe comunicar ao concello ou á administración autonómica nin a ninguén. É máis, a min non me comunicaron que se procedese ao desaloxo porque é simplemente o cumprimento da sentenza", aseverou.


Por tanto, ve "lóxico" que como delegado do Goberno non fose informado, xa que o xuíz instrutor que ditou a sentenza só estableceu que o desaloxo fose "ordenado" á policía e "comunicado" ao propietario do inmoble.


CONVERSACIÓNS CO ALCALDE


Así mesmo, asegurou que o 31 de maio, un día despois do desaloxo e a posterior protesta que derivou en cargas policiais e enfrontamentos dos axentes con parte dos manifestantes, recibiu dúas chamadas telefónicas: unha do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e outra do alcalde de Santiago.


"Pensei que as dúas chamadas eran no mesmo sentido, pero non era así. O alcalde de Santiago preguntoume por que non o informei, ao cal eu lle respondín que era a consecuencia dunha resolución xudicial que se procedía ao desaloxo. A do presidente da Xunta foi para preguntarme por como estaban os policías feridos", remarcou.


COMUNICADO DO COLEXIO DE XORNALISTAS


Na entrevista, Villanueva mostrou a súa sorpresa pola "rapidez" coa que o Colexio de Xornalitas emitiu un comunicado no que denunciaba "numerosas trabas" ao traballo dos xornalistas por parte dos axentes durante a marcha en apoio ao colectivo Escárnio e Maldizer, celebrada o pasado sábado e na que volveron reproducirse cargas logo de que parte dos asistentes accedesen ao patio dun colexio abandonado.


"Preocupoume porque parecía unha queixa da totalidade dos xornalistas. Esa mesma noite eu estiven con moitos xornalistas que traballaran. Non houbo a mínima queixa", incidiu, para logo engadir que non teñen "constancia" de que se produciran queixas formais pola actuación policial relativa ao traballo dos profesionais da información.


"Cando esa queixa vén do Colexio entendo que é xeneralizada do mundo do xornalismo. Non me consta que sexa unha queixa xeral", expresou Villanueva, quen se mostrou "convencido da profesionalidade da policía, que estaba a actuar para defender a legalidade e a orde pública".

relacionada Feijóo carga contra quen se pon "ao lado dos okupas" e "despreza a xente de ben"
relacionada A Policía propoñerá 400 sancións de ata 30.000 euros para os manifestantes de Santiago
relacionada Compostela Aberta rexeita o desaloxo dun centro social 'okupado' en Santiago

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE