Máis de 80.000 peregrinos visitaron Santiago no que vai de 2017
Os centros de interpretación do Camiño recibiron nos cinco primeiros meses do ano ao redor de 14.000 visitantes.
Un total de 81.490 peregrinos chegaron a Santiago de Compostela no que vai de 2017, o que supón un incremento dun 13,3% con respecto ao mesmo período do pasado ano.
Diso informou a Xunta a través dun comunicado emitido este domingo no que subliña que "máis dun 65% dos peregrinos recibidos ata o momento foron estranxeiros".
Así, a tendencia á alza na afluencia de peregrinos dos últimos anos mantense nos cinco primeiros meses de 2017. Por itinerarios, o Camiño Francés continúa á cabeza no número de peregrinos recibidos, con preto do 61% do total.
Tras esta ruta sitúase o Camiño Portugués (21,37%), seguido polo do Norte (4,26%), o Primitivo (3,83%), a Vía da Prata (3,53%), o Inglés (3,41%) e o Camiño Portugués pola Costa (2,09%).
CENTROS DE INTERPRETACIÓN
Os centros de interpretación do Camiño de Santiago recibiron ao redor de 14.000 visitantes no que vai de ano 2017, segundo informou o Executivo autonómico este domingo.
Así, as oficinas situadas en diferentes puntos das rutas xacobeas nos concellos de Lugo, Mondoñedo, O Cebreiro e Santiago atenderon a 13.857 persoas en total, das que o 66% foron nacionais e o restante 44%, foráneos.
O punto de información situado no Cebreiro --na entrada do Camiño Francés-- foi o que maior número de persoas atendeu ao longo dos cinco primeiros meses do ano, período no que atendeu a unhas 6.500 persoas.
Estes centros ofrecen ao peregrino apoio, información e contidos complementarios para axudarlle a comprender e coñecer desde diversas ópticas o Camiño de Santiago, en xeral, e a ruta concreta na que se atopa en particular.
Escribe o teu comentario