​O himno galego pasa unha revisión polo seu cento décimo aniversario

Presentouse un proxecto audiovisual, 'O Himno por Andrea Pousa', formado por un documental, dous videoclips e un libro sobre un dos símbolos de Galicia.


|

Himnoandreapousa


O novo proxecto audiovisual O Himno por Andrea Pousa, producido por Queiman e Pousa con arranxos de Nani García, conmemora o centenario do pasamento de Eduardo Pondal, autor da súa letra, e o cento décimo da estrea do himno galego no Teatro Nacional da Habana. O compostelán Pazo de San Roque acolleu hoxe pola mañá o acto de presentación, no que participaron, canda aos seus autores, Enrique Domínguez (O Bruxo Queiman) e Andrea Pousa, os secretarios xerais de Política Lingüística e da Emigración, Valentín García e Antonio R. Miranda, respectivamente, e mais a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns.


García Gómez sinalou durante a súa intervención que "Galicia ten himno e escudo de seu. Iso di o artigo sexto do noso Estatuto de Autonomía. Estes son, xunto coa bandeira, os símbolos nos que todos os galegos e galegas nos recoñecemos. Mais o himno ten unha particularidade que o une dunha maneira especialmente estreita á cerna de Galicia: está feito de música e de palabras, é poesía, poesía en galego".


O titular de Política Lingüística destacou que "se fala moito hoxe en día da importancia da imaxe pero a palabra poética pode ser igualmente impactante e emotiva. E a lingua, que unha persoa pode levar consigo sen que aumente o peso da maleta mesmo na longa travesía da emigración, é un elemento identitario fundamental. O himno galego únenos a todos os galegos e galegas. Aos de Galicia e aos da emigración".


CREACIÓN ORIXINAL E ÚNICA


Valentín García explicou que o himno é elemento de unión porque "está escrito na lingua en que todos nos recoñecemos, a lingua que é creación orixinal e única do pobo galego", ademais de polo feito de que "se xestou e se estendeu como himno identificador noso co empuxe dos galegos de Galicia e dos galegos de América". Deste xeito, o secretario xeral de Política Lingüística concluíu que "é de agradecer este proxecto, que coloca no seu centro o himno galego, a divulgación da súa xestación e historia e unha interpretación renovada da composición que nos permite recordar máis vivamente as súas mensaxes de unión e de futuro".


O acto, que foi conducido polo xornalista Terio Carrera, tamén contou coa participación do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; do compositor, músico e produtor musical Nani García; do presidente da Asociación Santo André de Teixido, Ramón Tudela Guerrero; do presidente da Fundación Eduardo Pondal, Xosé Lois García; e do cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa.


UN DOCUMENTAL, DOUS VIDEOCLIPS E UN LIBRO


O proxecto audiovisual O Himno por Andrea Pousa está producido por Queiman e Pousa (Enrique Domínguez) e Andrea Pousa e revisa e actualiza o himno galego composto por Eduardo Pondal e Pascual Veiga con arranxos musicais de Nani García. Inclúe un documental, dous videoclips, un making of e unha unidade didáctica para ensino primario e secundario.


O documental está baseado en entrevistas con diferentes fundacións de autor galegas (Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Rosalía de Castro...) e a destacados persoeiros da cultura e da lingua galegas (Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Méndez Ferrín, Antonio Reigosa...). Os videoclips conteñen a interpretación do himno galego por Andrea Pousa, acompañada pola Macedonian Symphonic Orchestra e outros músicos de Galicia, con arranxos de Nani García.


Pola súa banda, o making of dá conta das diferentes rodaxes e visións sobre o novo proxecto, mentres que o libro recompila información acerca da historia do himno a través doutras 18 entrevistas. O proxecto conta coa colaboración da Xunta de Galicia por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

relacionada Ponteceso lembra a Eduardo Pondal no centenario da súa morte

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE