A choiva encharca por dentro o hospital de Lugo

|


HULA entrada1.grande


Os técnicos do Servizo Galego de Saúde e do Hospital Universitario Lucus Augusti descartan que as acumulacións de auga producidas en varias áreas do centro se deban a deficiencias estruturais do edificio xa punta que se debeu á "gran cantidade de choiva caída nun espazo moi curto de tempo".


Así o explicou o Sergas nun comunicado, no que sinala que técnicos e persoal especializado "revisaron e supervisaron todas as zonas afectadas, avaliaron os danos producidos e emitiron un informe".


No documento "conclúese que a acumulación de auga se debeu á gran cantidade de choiva caída nun espazo moi curto de tempo". "Isto provocou que as arquetas de desaugadoiro que van desde as baixantes e canlóns dalgunhas zonas do centro hospitalario ata a rede de saneamento xeral non fosen capaces de absorber e eliminar a inxente cantidade de choiva, e que nalgúns puntos desborase, provocando filtracións ao interior do inmoble, que afectaron, sorbe todo, á planta cero", segundo puntualiza a Administración sanitaria.


AS CUBERTAS NON FILTRAN


O Sergas subliña, así mesmo, que "revisada a estrutura exterior do edificio e as cubertas" comprobouse que "non sufriron danos e que responderon adecuadamente á gran acumulación de auga que se produciu nelas".


"Hai que destacar que as cubertas do hospital soportaron unha gran acumulación de líquido, que se eliminou en moi pouco tempo sen que houbese nelas ningunha filtración, concentrándose o problema na capacidade de absorción das arquetas de desaugadoiro que comunican o sistema de eliminación de augas pluviais do hospital coa rede xeral de saneamento", segundo abunda.


Neste sentido, o Sergas considera que "desde que o hospital se construíu e está en funcionamento" o sistema de condución e eliminación de augas pluviais "funcionou sempre correctamente, eliminando sen problemas toda a choiva caída nos últimos anos".


Por todo iso, o Servizo Galego de Saúde conclúe que "o incidente de onte (polo luns) foi debido á gran cantidade de auga acumulada en pouco tempo e non a defectos estruturais do edificio nin ao seu mantemento, que se fai de modo regular todas as semanas".


Con todo, o Sergas indicou que os servizos técnicos do Sergas "seguirán analizando a situación" para determinar "as melloras que teñan que producirse e adoptar as medidas oportunas", de modo que esta situación "non se volva a repetir".

relacionada O hospital de Lugo pecha no verán unidades "co 100% de ocupación ao longo do ano"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress