Rescatan unha anciá que estaba sentada na cornixa dun sexto piso en Vigo
A muller foi recoñecida no lugar por persoal médico e, posteriormente, trasladada a un centro hospitalario.
Axentes da Policía Local de Vigo rescataron a unha muller de 89 anos de idade que se atopaba sentada na cornixa dun sexto piso, nun edificio dunha rúa do centro da cidade.
Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar á primeira hora da mañá deste martes, cando un cidadán que estaba a sacar diñeiro dun caixeiro automático decatouse, ao levantar a vista, da presenza desta muller sentada na cornixa, a unha altura de seis pisos.
Ao lugar acudiron varias dotacións policiais, así como bombeiros e unha ambulancia. Un dos axentes permaneceu na rúa para evitar o paso de peóns pola beirarrúa onde está o edificio, mentres que outro policía subiu ao sexto piso e saíu ao telladiño no que estaba a anciá sentada, coas pernas colgando no baleiro.
O axente suxeitou á muller polo brazo e tranquilizouna e, con axuda doutro policía, logrou introducir nunha terraza á señora, de 89 anos de idade, e que presentaba signos de desorientación. A muller foi recoñecida no lugar por persoal médico e, posteriormente, trasladada a un centro hospitalario.
Escribe o teu comentario