UUAA critica que a lei de protección animal só serve "para mascotas en contornas urbanas"

|

Perrosmastin


Unións Agrarias informou de que mantén contactos cos grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia, co fin de alcanzar un consenso sobre a necesidade de modificar puntualmente o anteproxecto de lei de benestar de animais domésticos, antes da súa aprobación definitiva, para evitar "futuras situacións absurdas" no rural galego.


UUAA subliña que esta lei, "concibida para mascotas en contornas urbanas", pode estar "máis ou menos acertada" para regular a tenza e evitar os malos tratos de cans de compañía, pero "non considera as especificidades dos cans de caza mentres desenvolven as súas tarefas específicas".


"Igualando posibles lesións dos animais no desenvolvemento das súas tarefas (lesión dun mastín nun enfrontamento cun lobo defendendo un rabaño, lesión dun can de caza por un xabaril) directamente malos tratos animais, sen facer distincións de matices. As sancións por este concepto van de 5.001 a 30.000 euros", remarcou.


"É lóxico sancionar a un maltratador dun animal, pero non é lóxico non facer distinción clara na lei do que é malos tratos, doutras situacións con posibles danos dos cans no desenvolvemento do seu traballo", engadiu.


Segundo UUAA, esta "falta de separación clara" no actual anteproxecto de lei fai que se poidan dar "situacións grotescas", como que se denuncie a un propietario dun mastín de garda por "poñer en risco a vida do seu can ao ter como fin enfrontarse ao lobo" ou que se sancione ao propietario dun can de caza porque resulte ferido nunha batida de xabaril.


NORMAS "EQUILIBRADAS"


UUAA advirte que o Parlamento debe estar para desenvolver "normas equilibradas" que faciliten o desenvolvemento das actividades cidadás e pide adaptar esta norma "á realidade" rural.


"Facer impracticable a caza para poder xestionar a fauna salvaxe, ou a defensa de rabaños do lobo mediante o emprego de cans, en nada axuda á protección dos animais nin ao futuro do rural", resolveu.


LIBERA, EN CONTRA DE "REBAIXAR A PROTECCIÓN"


A Asociación Animalista Libera acusou a "Unións Agrarias e outros grupúsculos procaza de incentivar o rexistro de emendas por parte dos grupos parlamentarios" para tentar "rebaixar o nivel de protección" dos cans "a estándares practicamente predemocráticos".


E é que, nun comunicado, advertiron que aceptar as propostas do sindicato agrario significaría retrotraerse na normativa "nun ámbito de aplicación mesmo anterior á Lei de Protección Animal de 1993".


"Este grupúsculo agrario pretende segregar os cánidos en función de supostas actividades, minorando o seu nivel de benestar e protección legal", advertiu Libera.


O colectivo chamou ás forzas políticas a "non ceder" ás súas pretensións e preguntouse "cando pensa UUAA situarse de maneira tallante contra os malos tratos que sofren moitos cans de caza, encerrados en penosas instalacións e baixo condicións hixiénicas moi deficientes".


Pola súa banda, garantiu que defenderá uns "estándares coherentes de protección para todos os animais, incluídos cans explotados en tarefas de caza ou pastoreo".

relacionada Os animalistas rexeitan "artigos polémicos" da Lei de Benestar Animal
relacionada Alimentar animais abandonados e recollelos sairá moi caro

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress