Os primeiros días de Pedro Sánchez

Manuel Fernando González Iglesias

Pedro sanchez primarias 1


Anda o recente triunfador das primarias do PSOE metido nos seus primeiros días de decisións como novo Secretario Xeral. E entre as últimas, a máis sabia --sen ningunha dúbida-- foi a de adiantarse a Rajoy e gañarlle pola man a homada de Estado ao chamalo e dicirlle que o partido socialista --ademais de Obreiro-- o é, sobre todo, español. E que, por tanto, conte con el para defender a Constitución e loitar contra a presunta segregación que parece ser non vai tardar en producirse.


Por medio, outras disputas que acabaron en táboas, por exemplo o das listas compartidas para o Congreso Federal de xuño, salvo contadas excepcións, como a dos socialistas galegos --empeñados en dilucidar as súas fobias persoais nunha nova "Guerra dos Compañeiriños", que esperemos non acabe con algún susanista colgado das almenas do Castelo de Moeche, como xa pasou en tempos pasados coa revolta irmandiña--. Agora só lle falta saber aos sociatas galegos quen é o Pedro Madruga contemporáneo que vai gañar esta guerra civil por erixirse en líder da formación ás ordes do outro Pedro, o Sánchez, o seu aliado alén do Padornelo e a Canda. Aínda que, líder ou... lideresa?


E a partir deses pactos virá no Congreso a nova Executiva afín; mentres, polo camiño van caendo dimisións --ao meu entender algunhas moi valiosas-- como a de Eduardo Madina e Juan Carlos Díez, quen acaba de dimitir da portavocía do relatorio que elaboraran nos últimos meses. Unha marcha que alegraría aos mais fanáticos da corte pedrista, pero que para o PSOE é un paso atrás na súa pluralidade e sobre todo no seu fondo intelectual máis progresista.


Tampouco estivo mal a elaboración dunha estratexia para dicirlle a Pablo Iglesias que a súa moción é non só inoportuna, senón un camelo, mesmo aos seus propios electores. Para facelo, o novo portavoz parlamentario Jose Luís Ábalos pasouse por todas as cadeas de radio, onde deixou a imaxe dun killer prudente, para así "mosquear" aínda máis aos podemitas que, a recado, gardaranlla ata que a ocasión lle sexa propicia. Deste berenxenal, Sánchez levouse o botín da disensión pública de Compromis, que non quere unha moción de censura, nin nada que se lle pareza.


Como en Andalucía non mataron --de momento-- as moscas a canonazos, ao novo lider do PSOE só lle queda que despois do Congreso a Rajoy non se lle ocorra convocar unhas eleccións xerais que serían letais para os socialistas, porque xa se sabe que, en política, os militantes son unha cousa e os votantes outra, e que baixar dos 80 deputados significaría unha volta atrás no tempo e sobre todo un escenario máis que propicio para novos enfrontamentos, ademais da irrelevancia parlamentaria para un partido afeito a gobernar ou a ser unha oposición forte.


Pero esa é unha posibilidade aínda afastada, polo que a Pedro Sánchez de momento sorrille a fortuna, e ademais goza da baraka dos medios afíns, e é que non hai como unha boa comida nun xaponés con longa sobremesa incluída para que o xornalista famoso se converta en amigo de toda a vida de novo e che dea toda a cancha televisiva que che faga falta… Ai, a vaidade!



Artigo publicado orixinalmente en Catalunyapress

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE