Só o PSOE da Coruña consegue unha lista de consenso para o Congreso Federal

Todos os delegados de Pontevedra e Lugo son afíns a Pedro Sánchez, mentres en Ourense os representantes susanistas son unicamente un menos que os sanchistas.


|

Psdegdelegados



A elección dos delegados que representarán a cada provincia no Congreso Federal do PSOE terminou cun resultado dispar. Así, unicamente os socialistas coruñeses envían unha lista consensuada que respecta as proporcións dos resultados das primarias. En cambio, Pontevedra e Lugo estarán representadas integramente por afíns a Pedro Sánchez. En Ourense, polo seu lado, os sanchistas superar por só un delegado aos susanistas.


PONTEVEDRA


Nos 'congresiños' desta fin de semana, o sector de afíns ao vencedor das primarias do PSOE, Pedro Sánchez, fíxose cos 16 postos de delegados que representarán os socialistas da provincia de Pontevedra no Congreso Federal do próximo mes de xuño.


Gonzalo Caballero encabeza a lista de delegados do PSOE de Pontevedra, seguido por Maica Larriba e o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, en terceiro lugar. Finalmente, o sector que apoiou a presidenta da Junta de Andalucía, Susana Díaz, nas primarias do pasado 21 de maio decidiu non presentar candidatura á delegación pontevedresa logo de fracasar o intento de elaborar unha lista que reflectise o resultado das votacións na provincia das eleccións á Secretaría Xeral do PSOE.


Segundo fontes consultadas por Europa Press, os afíns a Díaz, aliñados co alcalde vigués, Abel Caballero, decidiron retirar a súa proposta e non participar nas votacións. A elección de Gonzalo Caballero como cabeza de lista para a candidatura consensuada provocou que os 'susanistas' decidisen romper coas negociacións.


GONZALO CABALLERO


En declaracións a Europa Press, Gonzalo Caballero indicou que se buscou "a integración ata o último momento" pero "os que derrubaron a Pedro (Sánchez) anteriormente expuñan un veto" cara á súa persoa. "A nosa delegación considera que non se pode facer futuro con vetos", apostilou.


Pola súa banda, o portavoz do PSOE de Vigo, Carlos López Font, --afín a Susana Díaz-- manifestou, en declaracións a Europa Press, que o acordo para elaborar esta lista conxunta non puido alcanzarse por, segundo López Font, as "intransixencias" dos 'pedristas', polo que decidiron apartarse e non presentar unha proposta propia coa intención de non xerar "división".


EN LUGO, SÓ AFÍNS A SÁNCHEZ


O alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo Magdalena, lidera a lista de 11 delegados que representarán os socialistas lucenses no Congreso Federal do PSOE que terá lugar o próximo mes de xuño.


A lista, conformada por afíns ao recentemente vencedor das primarias do PSOE, Pedro Sánchez; foi referendada polo 73 por cento dos 123 delegados comarcais presentes este domingo no 'congresiño' do PSOE da provincia de Lugo.


A lista queda configurada por 6 homes e 5 mulleres en modo 'cremalleira' e conta con representación de todas as agrupacións comarcais dos socialistas lugueses. A pesar de que inicialmente existía a intención de elaborar unha lista de consenso que reflectise o resultado das primarias do pasado día 21 na provincia, finalmente, non se chegou a un acordo e foi presentada unha única candidatura.


MAIORÍA PEDRISTA EN OURENSE


A lista de afíns ao vencedor das primarias socialistas, Pedro Sánchez, fíxose coa maioría do delegados --cinco de nove-- que representarán os socialistas da provincia de Ourense no Congreso Federal que se celebrará o próximo mes de xuño.


Este sábado tivo lugar o chamado 'congresiño' do PSOE de Ourense, que debía elixir os nove representantes provinciais no conclave federal dos socialistas logo de non alcanzarse unha lista de consenso que pretendía reflectir proporcionalmente os resultados dos tres candidatos nas primarias do pasado 21 de maio.


Deste xeito, os partidarios de Pedro Sánchez, encabezados pola deputada no Congreso Rocío de Frutos, venceron por unha estreita marxe --44 a 42 votos-- aos afíns á presidenta da Junta de Andalucía, Susana Díaz; liderados polo alcalde de Amoeiro, Rafael Rodríguez Villarino.


Así, Rocío de Frutos --Ourense--, Ángel Barba --Carballeda de Avia--, Ofelia Puente Carracedo --O Barco--, Juan Carlos Francisco Rivera --Verín-- e Soraya Martín Barreiro --Barbadás-- son os cinco delegados ourensáns afíns ao recentemente elixido secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez.


Pola súa banda, ademais do rexedor de Amoeiro, os partidarios de Susana Díaz da provincia de Ourense estarán representados no Congreso Federal pola portavoz do PSOE no Concello de Xinzo, Elvira Lama, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e a secretaria xeral de Celanova, María Jesús Bóo Montes.


CONSENSO NA CORUÑA


O PSOE da Coruña si aprobou unha lista previamente consensuada entre os afíns ás tres liñas abertas no partido socialista tras as primarias do pasado día 21.


Así, a lista, segundo informaron fontes do PSOE da Coruña, quedou aprobada con 108 votos a favor, oito en contra e 17 abstencións. Dos 20 delegados que representarán os socialistas coruñeses no Congreso Federal, 14 son afíns ao vencedor das primarias, Pedro Sánchez; catro alíñanse coa presidenta andaluza, Susana Díaz, e dous co ex lendakari Patxi López.


Como apuntou a Europa Press o secretario provincial do PSOE da Coruña, Julio Sacristán, a configuración da lista --elaborada en modo 'cremalleira'-- reflicte de forma proporcional o resultado das primarias do pasado domingo, cando Pedro Sánchez recibiu o apoio de case o 70% dos socialistas coruñeses.


REPRESENTACIÓN DE "TODAS" AS AGRUPACIÓNS


Ademais, no 'congresiño' celebrado este sábado, quedou aprobada por unanimidade unha iniciativa de emenda ao relatorio do estatuto que será remitida ao Congreso Federal. O secretario provincial, Julio Sacristán, mostrou a súa satisfacción porque "por primeira vez" a lista de delegados conta con representación "de todas" as agrupacións comarcais.


Sacristán defendeu que o congreso provincial celebrouse con normalidade a pesar de que existiu un "pequeno debate" dadas as dificultades para "representar a unión" das tres liñas abertas no partido, aínda que incidiu en que a lista finalmente aprobada "representa a todo o mundo".


Así mesmo, o secretario provincial afrontou este sábado o seu último congreso á fronte do PSOE da Coruña e aproveitou para realizar un chamamento para enfocar "todas as enerxías" que se empregaron nos últimos meses "a enfrontarse" entre os membros do partido para "achegar ideas" para fortalecer o socialismo tanto a nivel galego como estatal.


"A militancia está cansa, o que quere é que empecemos a traballar", remarcou Sacristán, para logo incidir en que o PSOE debe recoller "o ánimo" existente no partido de "dar participación ás bases".

relacionada Pedro Sánchez, sen asento no Congreso, non tratará de entrar no Senado
relacionada Pedro Sánchez recupera a Secretaría Xeral do PSOE
relacionada Pilar Cancela, afín a Sánchez, reclama a todo o PSdeG "sumar e ser leais"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE