Xulio Ferreiro reprocha a Feijóo que faga política de "castigo" coas 'cidades do cambio'

Afirma que lle gustaría "reconducir" as relacións co PSOE e ratifica a súa vontade de optar a un segundo mandato


|

Xulioferreirocoruna 1


O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, denuncia unha política de "castigo" por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, coas cidades "que non se comportan electoralmente como o PP quere". Mentres, cualifica á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e presidenta do PP local coruñés, Beatriz Mato, como a "hooligan" desta formación.


Nunha entrevista concedida a Europa Press, sostén que "a verdadeira parálise" que existe na Coruña vén dos gobernos central e autonómico. "Falamos de Alfonso Molina -di sobre a ampliación-, a Ría do Burgo ou a estación intermodal".


No caso da Xunta, di que é "moi difícil a cooperación leal". En particular, critica que nin a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, nin Feijóo respondesen á súa petición dunha reunión sobre o plan de transporte metropolitano. "Non permitiremos a entrada de buses ata o centro mentres non se nos asegure que temos control para avaliar a entrada e os problemas de tráfico", insiste.


"A verdadeira parálise" que existe na Coruña vén dos gobernos central e autonómico 


"Sorpréndeme que o presidente diga que está acordado -o plan- cos concellos, non é certo, alguén o está informando mal", engade. Na mesma liña, móstrase crítico con Beatriz Mato. "Sorpréndeme ver a unha conselleira dar unha rolda de prensa coma se fose a portavoz do grupo municipal, é confundir os papeis", recrimínalle.


Con todo, precisa que "o que lle preocupa" é que a actual conselleira, posible candidata á Alcaldía en 2019, non se comporte como unha conselleira "de todos e de todas, se non como unha hooligan do PP", engade ante as súas críticas ao goberno local.


BALANCE


Por outra banda, o balance destes dous anos de goberno, cualifícao de "razoablemente positivo". "Moitas cousas que levaban anos esperando como a recuperación da memoria histórica no rueiro ou a renda social municipal xa están implementados", cita, entre outros exemplos.


Preguntado se a cuestión de confianza á que se someteu foi o momento máis difícil, admite que non foi "agradable", pero engade que foi peor "a aprobación dos orzamentos de 2016 e esas emendas cruzadas entre o PP e o PSOE que nos furtaron un instrumento normal para calquera goberno municipal".


"É difícil xestionar uns orzamentos que non deseñas e que están cambiados para facerche as cousas máis difíciles", laméntase. Ademais, recrimina a PP e PSOE unha política "sen proxectos e nin unha soa vontade de construír".


Tamén recoñece que non esperaba tantos problemas para chegar a acordos co PSOE. "O coherente cun grupo que outorga os seus votos a un goberno nunha investidura é facilitar a gobernabilidade", afirma.

"É difícil xestionar uns orzamentos que non deseñas e que están cambiados para facerche as cousas máis difíciles" 


En particular, critica que este partido "tivese máis fácil chegar a acordos co PP" que coa Marea Atlántica. Aos socialistas, lémbralles que o seu novo secretario xeral, Pedro Sánchez, "fixo un pronunciamiento bastante potente do entendemento entre as forzas da esquerda". Por iso, di que, no ámbito municipal, lle gustaría "reconducir a situación".


RETOS


En canto ao que queda de mandato, fixa como obxectivos "a recuperación" dos terreos portuarios "cunha solución global que asegure a súa incorporación á cidade e non sexan pasto da especulación". Tamén espera que, ao final deste mandato, os pequenos propietarios do Ofimático "teñan solucionados os seus problemas e os cooperativistas estean a vivir nas súas vivendas".


A estas cuestións, suma actuacións no ámbito da mobilidade ou avanzar na constitución da área metropolitana, sobre a que lamenta o "bloqueo do PP". En canto ás eleccións de 2019, Ferreiro di estar "disposto" a repetir se o apoian as bases da Marea e aposta por que esta se converta "nunha forza cidadá que soporte unha acción de goberno".


FUTURO DE EN MAREA


Noutra orde de cousas, e preguntado pola situación de En Marea tras a elección da coordinadora, afirma que é "anómalo que a lista que gañou por maioría absoluta nunhas eleccións internas non sexa a que estea a facer os labores de coordinación".


Por iso, cre que no próximo plenario "haberá que debater a situación" para tamén determinar "se esa dirección que está a levar a coordinadora é referendada polas bases". 


Sobre Luís Villares, admite que o seu papel "non é fácil", pero, a colación, remarca que "o que un espera dun portavoz parlamentario e portavoz de En Marea é que sirva de aglutinador de diferentes sensibilidades". 


"E non tome partido claramente por unha das sensibilidades nun espazo tan complexo e tan plural". "Na medida en que responda a este reto terá éxito e na medida en que non será máis difícil que o teña", advirte ao insistir en que o prioritario é que o partido instrumental ofreza "unha fórmula de facer política diferente".


MOCIÓN DE CENSURA


Ferreiro, que contesta cun "falamos todas as semanas" ao ser preguntado se abordou unha estratexia común nesta cuestión cos alcaldes de Ferrol e Santiago, mostra, por outra banda, o seu respaldo á moción de censura contra o presidente do Goberno, Mariano Rajoy.


"Había unha maioría social que non quería que o PP seguise no goberno pero nestes meses, todo o que pensabamos da corrupción no PP, non só se confirma senón que aumentou". Por iso, considera que é "máis urxente que nunca" quitar esta formación do Goberno.

relacionada Xulio Ferreiro critica o rumbo tomado por En Marea: "Algo non se está facendo ben"
relacionada Ferreiro perde a cuestión de confianza

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE