Yolanda Díaz pide "un pacto de Estado" para afrontar a dixitalización industrial

O presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, Javier Galán (CC.OO.) advertiu sobre o denominado "estaleiro 4.0"


|

Yolandadiaznavantiaferrol


A deputada nacional de En Marea, Yolanda Díaz, apostou por "comezar a producir coñecemento e afrontar un cambio na metodoloxía produtiva", ademais de no ámbito dos traballadores, para o que pediu o impulso de "compromisos" cara a "un pacto de Estado en materia industrial e recursos públicos", ante os retos da dixitalización.


Estas manifestacións realizounas a política ferrolá na súa cidade, na sede do Ateneo Ferrolán, onde en compañía do presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, Javier Galán (CC. OO.), participaron no foro "Estaleiros de Futuro, Comarca de Futuro", organizado por Esquerda Unida (EU).


"Imos por moi mal camiño, xa que os orzamentos do Estado, que actualmente estamos a discutir, as partidas de industria, enerxía ou axenda dixital ven diminuídas nunha contía relevante e isto é realmente todo o contrario do que un país que quere ter futuro debe facer", asegurou.


A representante de En Marea no Congreso dos Deputados tamén incidiu en que é necesaria "a dixitalización, para poder aplicar a lóxica á cadea produtiva" e que "é necesario apontoar os sectores produtivos", tanto a nivel Galicia como Estado, incluído o sector naval.


"Sería terrible que o Goberno renunciase a esta produción a favor doutros países, xa que todo o que non fagamos nós, vai ser rapidamente recollido por outros países".


ESTALEIRO 4.0


Pola súa banda, Javier Galán, abordou o denominado estaleiro 4.0, o que segundo o representante sindical representa "a cuarta revolución industrial, coa dixitalización de todos os procesos" e que no caso do estaleiro galego "vai supoñer a perda de moitos postos de traballo.


"Xa existen estudos a nivel continental que recollen que en toda Europa van perder ao redor de cinco millóns de postos de emprego, un reto importante para todos os sindicatos".


No caso do estaleiro de Ferrol, o representante laboral incidiu en que está prevista "a construción dun dique seco e ao redor del van estar o resto de instalacións, onde tamén se comeza a escoitar que os traballadores teñen que dispoñer de certas capacidades, coa posibilidade de que moitos dos gremios que a día de hoxe teñen moito que ver coa construción dun buque, vaian quedar nun segundo plano".

relacionada O Senado insta ao Goberno a elaborar un plan industrial para Navantia
relacionada O Goberno cre que sobran traballadores en Navantia e anuncia despedimentos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE