A CIG ve condicións para unha folga xeral, pero non se lanzará en solitario

O seu secretario xeral, Suso Seixo, deixa o cargo esta fin de semana tras 16 anos á fronte do sindicato con máis afiliados de Galicia.


|

Seixocig


Participou na construción do sindicalismo nacionalista galego e liderou o seu referente, a Confederación Intersindical Galega, durante os últimos 16 anos. Suso Seixo (Curtis, 1952) deixa a secretaría xeral da CIG esta fin de semana, nun momento no que ve condicións para convocar unha folga xeral de maneira inminente: "Necesitariamos un tempo para preparala, pero desde logo no mes de xuño poderiamos facela sen problema algún", afirma.


Nunha entrevista concedida a Europa Press, Seixo arremete contra as "contrarreformas laborais" do PP, un partido que cre que "en condicións normais tería que estar disolto e ilegalizado", xa que está "ao servizo da corrupción e do branqueo de diñeiro".


Chama ao paro xeral e prognostica que tería unha "resposta moi positiva", polo menos en territorio galego, pero admite que "non sería moi operativo" sen UXT e CCOO, aos que xa transmitiu a súa vontade, sen resposta algunha "de momento". Así as cousas, declina lanzarse en solitario, xa que o obxectivo é cambiar lexislación laboral que depende do ámbito estatal.


A CENTRAL CON MÁIS AFILIADOS


Coa vista sempre posta "nos intereses da clase traballadora", o ata agora líder da central con máis afiliados en Galicia (ten actualmente algo máis de 65.000, fronte a uns 53.000 de UXT e 45.000 en CC.OO.) recoñece que se enfrontará a unha situación "estraña" a partir do luns.


Non se xubila ata xuño do ano que vén, polo que polo momento queda como asesor da nova executiva, que prevé "continuista", dentro dun cambio xeracional "natural". De feito, a substitución tomarao Paulo Carril, secretario de organización da CIG desde 2013 e previamente responsable comarcal desde 2001.


MÁIS TEMPO PARA A POLÍTICA


Militante da UPG e do BNG tamén "desde o principio", como reivindica, de aquí en diante Suso Seixo terá "máis tempo" para dedicarse ao traballo político, aínda que non se propón "asumir responsabilidades" ou "cargos de tipo institucional". "Tiven esa oportunidade, pero optei polo traballo sindical porque me parecía que neses momentos era máis necesario", revela.


Tras unha crise que "aproveita o capital" para impoñer "medidas regresivas" e que tamén tivo os seus efectos nas organizacións sindicais --a CIG chegou a ter uns 73.000 afiliados--, confía en terminar 2017 como a primeira forza tamén a nivel de representatividade nos centros de traballo.


Presume, tamén, de deixar unhas contas "totalmente saneadas". Iso proporciónalle unha "vantaxe enorme" á CIG porque lle dá "total independencia de actuación". "E é o que lle preocupa precisamente ao PP e á Xunta, que fan todo o posible por tentar castigarnos por non ser sumisos ás súas políticas", interpreta. Contrapono á actitude de CCOO e UXT, sindicatos aos que afea pactos co poder.


A diferenza destes, ademais, a CIG descarta axustes que afecten ao persoal ou aos seus inmobles. "Foi unha situación planificada", saca peito, tras admitir que unha das oito federacións, a de construción, si pasou por "dificultades" e tivo que tomar medidas, pero "menores".


A SITUACIÓN DO NACIONALISMO


Seixo non é alleo á etapa "moi difícil" e "con moita conflitividade interna" que acaba de pasar o Bloque Nacionalista Galego. "Tivo moito inimigo dentro e fóra", lamenta. Con todo, estima que a superou, e aínda que valora o "bo papel" de Ana Pontón como portavoz remarca que na formación frontista "hai máis que iso", en alusión ao "aparato mediático montado" ao redor da política e os seus líderes.


"Fose Ana Pontón ou fose calquera outra persoa, se non houbese toda a estrutura de militantes detrás ía ser moi difícil saír do transo polo que pasou o BNG", advirte.


Recibiría a constitución dunha "plataforma común" como algo "positivo", dentro dos necesarios "pasos previos", xa que "pretender unificar" todo o nacionalismo político "baixo unas mesmas siglas" neste momento parécelle "complicado".


Porque para Seixo o proxecto de En Marea e tamén o das mareas municipalistas non teñen "un gran futuro". A pesar de non desexarlle "mal a ninguén", considera que esta unión "moi artificial" xera "confusión" e "non vai a ningún lado". Apela, neste punto, a ter "un mínimo de coherencia" e a "casar" opcións con respecto "ao que é Galicia" e os intereses do estado e "das nacións que o conforman".


SÁNCHEZ, IGLESIAS E FEIJÓO


Recentemente gañadas as primarias por Pedro Sánchez, Seixo observa que "é máis favorable a un PSOE de esquerdas", pero pregunta "ata onde chega esa esquerda" e avisa de que se fía "pouco" de promesas de campaña. Non augura "grandes cambios", pero "se hai algún e para reforzar as políticas de esquerdas, benvido sexa". "E se iso axuda tamén a reforzar unha visión plural do estado, tamén", engade.


Critica tamén a Podemos e a Pablo Iglesias, ao que identifica cunha "estratexia de márketing" para "debilitar o PSOE". Repróchalle que "se estivese preocupado pola problemática dos traballadores presentaría iniciativas para tirar abaixo as contrarreformas laborais do PP". "E de momento non presentou ningunha", resolve.


Por último, atribúe "moita incompetencia e falta de alternativas" a Alberto Núñez Feijóo, que na súa opinión "condena" o país a ser "cada vez máis periférico". A "única maneira de cambialo", subliña, é "quitarlle a maioría absoluta ao PP".

relacionada Os sindicatos galegos levan as súas manifestacións centrais á Coruña e Vigo
relacionada A CIG critica que a Xunta "blinde" 1.550 millóns en concertos a centros privados
relacionada Os sindicatos celebran o 10 de marzo por separado

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE