As vítimas de Angrois reprochan a Feijó pouca altura democrática

Argumentan que a comisión de investigación bloqueada polo PP "nada ten que ver co penal, pero si co político".


|

Grandeiraaccidentealvia


Vítimas do accidente ferroviario de Angrois responderon este xoves ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "se fose un verdadeiro demócrata" debería "esquecerse" do Poder Xudicial e impulsar xa unha comisión de investigación onde se depuren as "posibles responsabilidades políticas, que son as únicas da súa competencia".


Nunha carta a Feijóo remitida aos medios, a Plataforma Vítimas Alvia 04155 afean ao presidente galego e líder do PPdeG que na pasada xornada rexeitasen no Parlamento autonómico que se crease unha comisión de investigación no Congreso dos Deputados.


Tamén lembran que o mandatario incidiu en que non utilizará "a dor" das vítimas para "facer un axuste de contas no PSOE", á vez que reivindicou a "coherencia" do PPdeG e abriuse a apoiar unha investigación parlamentaria unha vez que haxa sentenza xudicial sobre o caso.


"As súas palabras deixáronnos perplexos", sinalan as vítimas, que lembran a Feijóo que "en 39 concellos de Galicia, que representan máis dun millón de galegos, alcaldes e concelleiros do PP votaron a favor ou se abstiveron para que se cree xa esta comisión no Congreso e instaron ao Goberno a facelo".


As vítimas subliñan que esta postura non parece estar "moi de acordo coas palabras" do presidente galego. "Están a usar os seus compañeiros do PP a nosa dor? É esa a clase de coherencia que hai no seu partido?", pregúntanse.


CORRESPONSABILIDADE DE PSOE E PP


"Por se non o ten claro", reiteran a Feijóo que o PSOE "rebaixou a seguridade do proxecto orixinal e enganou os cidadáns dicindo que a liña de alta velocidade a Santiago contaba co sistema de seguridade ERTMS", que "evitaría" 80 mortos e máis dun cento de feridos.


Pero engaden que, desde que o PP empezou a gobernar, non só non fixo "nada" para solucionalo, senón que baixo o seu mandato "produciuse a desconexión do sistema de seguridade do tren e negouse que fose un accidente da Alta Velocidade, antepoñendo outros intereses á verdade".


"E fixeron unha investigación técnica sobre a que Europa sentenciou que nin era independente, nin analizaba as causas principais do accidente", agregan.


SEPARACIÓN DE PODERES


Con todo, ven "o colmo" do razoamento de Feijóo que se abra a apoiar unha investigación política cando haxa sentenza e o argumente con que o que máis urxe é a decisión xudicial. Ante iso lémbranlle a separación de poderes na democracia española.


"Vostede, por se non o sabe, pertence ao Poder Executivo, e se fose un verdadeiro demócrata, debería esquecerse do Poder Xudicial e, como político, impulsar unha comisión de investigación onde se depuren as posibles responsabilidades políticas, que son as únicas da súa competencia", trasládanlle.


Ao tempo, menciónanlle que en 'O Espírito das leis' de Montesquieu explícase "moi ben" o sistema de "contrapesos" no poder político.


Como "exemplo", indican que "enganar aos cidadáns dicindo que contan con todos os sistemas de seguridade ou presentar unha investigación como independente cando non é certo" "nada ten que ver co penal, pero si co político".


"NON QUEREMOS QUE VELE POR NÓS"


Así as cousas, reiteran as peticións das vítimas, empezando "desde o punto de vista político", por "saber a verdade" e que "paguen politicamente os posibles culpables". "Non queremos que vostede nin ninguén vele por nós agora, se non o fixeron antes para evitar o accidente", advirten.


Por último, advirten ao presidente galleo que "ninguén manipula" ás vítimas nin "utiliza" a súa dor, posto que elas "non " o permiten.


"O que si é verdade é que hai xente boa e honesta que nos apoia e xente que o único que defende son os seus intereses. Onde se sitúa vostede, señor Feijóo?", conclúen.

relacionada A Audiencia rexeita eliminar do proceso o informe da CIAF sobre o caso Alvia
relacionada Vítimas do Alvia piden a González e Zapatero o apoio do PSOE
relacionada Blanco respecta a decisión do PSdeG de apoiar unha comisión de investigación de Angrois
relacionada O PSdeG votará por primeira vez a favor da investigación parlamentaria de Angrois

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE