Tempos Escuros

Manoel Barbeitos
Economista

Mareavillares


Vivimos tempos escuros.


A situación a nivel español está a volverse insoportable para calquera demócrata. O nivel de corrupción do partido gobernante (PP) -non por sospeitada menos sorprendente- está a chegar a tales niveis que, en calquera estado democrático, serían suficientes para ser expulsado de todas as institucións democráticas. Unha expulsión necesaria para a tamén necesaria rexeneración democrática do estado español. Por se isto non fose suficiente o ata agora principal partido da oposición -PSOE- atravesa unha crise sen precedentes na súa longa historia e cuxo nivel non resulta previsible. Unha crise política e ideolóxica que debemos encadrar na crise xeral dunha socialdemocracia europea cuxo tempo histórico parece estar a chegar a un final. Crise partidaria -PP, PSOE- que non pode ocultar, a pesar do ruído mediático, a gravísima situación que a nivel económico, social, político e medioambiental atravesa España.


Cuns niveis de pobreza e desigualdade sen precedentes inmediatos, un tremendo retroceso nas liberdades e dereitos democráticos, un baleirado crecente do estado da autonomías e unha aparentemente imparable deterioración do medio ambiente, España e con ela Galicia viven unha situación que reclama solucións urxentes e extraordinarias.


Neste contexto a moción de censura que ten anunciada o grupo Unidos Podemos está máis que xustificada. Unha decisión oportuna, valente e necesaria posto que os cidadáns, moi especialmente as clases populares dos distintos pobos de España, necesitan saber que hai alternativas á actual situación. Que hai forzas políticas preparadas e dispostas para dar un xiro radical á situación. Un xiro favorable aos damnificados por estes políticos, e estes partidos, que somos maioría en España.


Unha situación que a nivel galego tamén esixe solucións por parte dos partidos agora na oposición. O 'dolce fare niente' da actual Xunta de Galicia (PP) coloca ao país galego nunha situación tamén límite -a nivel económico, social, político, cultural e medioambiental- tal que esixe da oposición alturas de miras e a configuración dunha maioría política e social que cun programa alternativo se ofreza ao pobo galego como solución política á grave situación que atravesamos.


Neste contexto a consolidación como proxecto político de En Marea resulta urxente e imprescindible. A cidadanía galega, nas últimas convocatorias electorais, deixou ben claro que confía en En Marea para que lidere un proxecto alternativo á actual Xunta de Galicia apoderada por un partido corrupto, ideoloxicamente neofranquista, partidario da desigualdade, indiferente á deterioración dos recursos e do medio ambiente e cun moi escaso pedigrí democrático.


En Marea ten vimbias para liderar unha alternativa ao PP. Pero necesita terminar o cesto. Aínda que non sen dificultades ten unha dirección e un líder a nivel galego (Luís Villares) cunha credibilidade crecente a pesar dos enormes atrancos que ten a oposición en Galicia para poder comunicarse coa cidadanía. Ten tamén dirixentes a nivel local (Compostela, A Coruña, Ferrol…) que aos poucos van gañando a credibilidade e o apoio cidadán a pesar da actitude cainita, e de curtas miras, dos outros partidos de esquerda (PSdeG-PSOE, BNG). E ten, o máis importante, un crecente apoio social que se reflicte no número ascendente de mareas que van 'agromando' no país galego.


Pero para acabar sendo unha alternativa real, dentro dunha estratexia de unidade popular, En Marea precisa rematar de perfilar o seu programa alternativo para logo trasladalo ás clases populares e que estas o fagan seu. Un programa que recolla e articule ao redor de si mesmo á maioría social galega -traballadores, campesiños, mariñeiros, axentes sociais e culturais, sectores desfavorecidos…- que o leve ao goberno da Xunta de Galicia.


Pero En Marea tamén precisa que rematen dunha vez os problemas internos. Non será fácil, pois resulta cada vez máis evidente que no seo de En Marea cohabitan grupos e persoas que non parecen capaces de abandonar prácticas e costumes da vella política que, 'oh' paradoxo!, non pairan de criticar. Grupos e persoas nos que abunda a inmadurez, a excesiva ambición persoal e onde escasea a necesaria altura de miras para comprender os tempos que vivimos e saber o papel que cada un debe ocupar. Sería moi triste que temas tan intranscendentes para a maioría social de Galicia impedisen que En Marea termine por configurarse como a columna central do urxente cambio político que precisa Galicia. A maioría política que habita En Marea non debe permitilo: a sociedade galega tampouco pode permitirllo.


Que así sexa.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE