Pontón, a Beiras: "Algúns confúndense de inimigo en demasiadas ocasións"

|

Pontonparl


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiulle ao histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras que non se confunda de inimigo. En concreto, manifestouse deste xeito tras ser preguntada, nunha entrevista en Radio Galega, por unhas declaracións de Beiras nas que afirmou que se o Bloque se integrase en AGE en 2012, Feijóo perdería as eleccións.


"Teño por costume non confundirme de inimigo. Eu vexo que algúns, en demasiadas ocasións, confúndense de inimigo e de adversario", subliñou a tamén portavoz parlamentaria, quen segue pechando a porta ao entendemento con outras forzas de ámbito estatal, pero ábrellas aos que defendan a causa galega.


"O BNG ten un proxecto sólido. Sempre estamos abertos ao diálogo con outras organizacións políticas que compartan principios básicos, como ter os nosos centros decisión, defender primeiro os intereses deste país, poñer en marcha unha estratexia ao servizo da causa galega. Todas as persoas que queiran compartir ese proxecto, no Bloque teñen as portas abertas. Aí o tempo irá decantando as cousas", asegurou.


Ana Pontón marca como reto para o BNG as próximas eleccións municipais, reivindicando a "corrente de simpatía" que detecta nos últimos tempos a favor da súa organización: "Definimos un novo rumbo, abrimos un novo tempo, temos unha organización forte e cohesionada".


Con esas bases, indicou, espera un "moi bo resultado" nos comicios locais, situando a Pontevedra como "carta de presentación" do "proxecto alternativo modernizador" dos nacionalistas.


"PINZA" DO RESTO DE GRUPOS


Ao resto de grupos con representación na Cámara galega atribúelles articular "unha pinza" para que o BNG quedase sen representación no grupo de tres deputados autonómicos encargados de defender no Congreso a transferencia da autoestrada AP-9 a Galicia: "Moito temo que detrás desta pinza, o que hai é un intento de que esta lei acabe durmindo o soño dos xustos no Congreso e que non haxa unha voz que denuncie con claridade os abusos de Audasa".


Tamén se referiu ás primarias do Partido Socialista. Máis aló dos candidatos, pon o foco en que o problema que ten o PSOE é que "a socialdemocracia asumiu o programa neoliberal" en toda Europa.


A portavoz nacional do Bloque tamén critica os "recortes" en investimentos en Galicia dos Orzamentos Xerais do Estado. Denuncia que esta comunidade perde posicións e critica a diferenza do conseguido nas negociacións por outras forzas, como o PNV. "O presidente da Xunta é incapaz, nin unha soa vez, de mollarse por este país, e sempre está en disposición de xustificar todo o inxustificable que faga o seu partido en Madrid", resolveu.

relacionada Feijóo, a Pontón: "Se o BNG tivese deputados en Madrid pactaría os Orzamentos co PP?"
relacionada O BNG contrapón o acordo do cupo vasco co "recortazo galego" pola "submisión" de Feijóo
relacionada En Marea súmase á petición do BNG de analizar os contratos da Xunta con Villar Mir
relacionada En Marea e BNG esixen que Feijóo "plante cara" a Madrid tras a negativa ao traspaso da AP-9

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress