Pedro Sánchez recupera a Secretaría Xeral do PSOE

"Imos ter a partir de mañá un PSOE unido e rumbo á Moncloa", proclamou o secretario xeral electo, que se fixo co 50% dos votos, mentres Susana Díaz colleitou un 40% e Patxi López se concforma co 10%.


|

Pedrosanchezferraz


Pedro Sánchez volve gañar as primarias do PSOE e recupera a Secretaría Xeral do partido. A falta das cifras definitivas, á medianoite e con máis do 99 por cento do voto escrutado, Sánchez impúxose co 50 por cento dos apoios a Díaz, que quedou nun 40 por cento. Mentres, Patxi López conformouse cun 10%. Son datos dunha xornada cunha participación histórica, en torno ao 80% dos afiliados. Só en Andalucía se impón Susana Díaz, mentres en Euskadi é primeiro López.


Isto supón que Sánchez derrotou o PSOE histórico e os baróns do partido, tras unha rifada campaña electoral, xa que a dirixente andaluza contaba co respaldo dos ex presidentes Felipe González e José Luis Rodríguez Zapatero, do groso do aparello do partido e de gran parte dos baróns territoriais.


Sánchez logrou pasar por riba dos obstáculos que tiña cando iniciou o seu percorrido por España para recuperar o mando da secretaría xeral do PSOE: o abandono da maioría da súa Executiva; dos homes de confianza que o apoiaban como Patxi López, Óscar López, César Luena ou Antonio Hernando; da súa saída da escena política ao deixar a súa acta de deputado; da deserción dalgúns baróns como Francina Armengol ou Sara Hernández e mesmo da neutralidade declarada do líder do PSC, Miquel Iceta.


"RUMBO Á MONCLOA"


O vencedor do proceso foi o último en comparecer, arroupado polo seu equipo e constantemente interrompido polos seus simpatizantes, con berros de: "si é si", "presidente" e "unidade".


Pedro Sánchez quixo agradecer na súa mensaxe a Susana Díaz e Patxi López a súa participación nas primarias, defendendo que "desde distintas posicións políticas ambos traballan por un Partido Socialista máis forte".


Aos militantes díxolles que "fixestes hoxe co voso voto un Partido Socialista gañador". Sobre o futuro inmediato do PSOE, declarou que vai facer "unha oposición útil á maioría social farta, vai facer o indecible por cambiar o rumbo do país, acabar coa corrupción do PP e mellorar as vidas das familias".


Nesta liña, insistiu en que "este proceso de primarias é o quilómetro cero de algo máis importante, hoxe empeza todo, non acaba nada". Nese camiño vese como "secretario xeral de todos e cada un dos afiliados e afiliadas".


O secretario xeral electo referiuse ao próximo congreso do partido, mostrando o seu desexo de que sexa "en positivo", para "cumprir o mandato das urnas e facer do PSOE o partido da esquerda do país".


"Non o esquezamos nunca, a quen teme o presidente do Goberno actual é a un PSOE unido e ímolo ter a partir de mañá, un PSOE unido e rumbo á Moncloa", proclamou, para terminar co seu equipo cantando a Internacional co puño no alto.



"O SECRETARIO XERAL DE TODOS"


O primeiro en aparecer foi o candidato con menos votos, Patxi López, que insistiu na súa mensaxe de "unidade" e de "concordia". O ex lehendakari quixo dar o parabén ao que se re referiu como "o meu secretario xeral, que é o secretario xeral de todos e de todas as socialistas".


López felicitouse por ter "máis votos que avais, que é o que dixemos no seu momento". As súas palabras terminaron cunha mensaxe similar ao da súa campaña: "Agora, a traballar todos xuntos" e "con el á cabeza".


SUSANA DÍAZ


Susana Díaz compareceu arroupada polo seu equipo. Comezou destacando a "participación masiva, un síntoma de democracia e transparencia do noso partido". Quixo agradecer especialmente o apoio recibido en Andalucía, interpretado como unha "valoración das políticas socialistas que levamos a cabo".


Na súa declaración, anunciou que "imos arrimar o ombreiro e ímonos poñer á disposición do que o partido necesite de nós, do que o PSOE requira dos homes e mulleres que me acompañan, para conseguir que lle PSOE sexa a alternativa de goberno en España, cun proxecto coherente e autónomo que España necesita".


"Queda arrimar o ombreiro", remachou.


EN GALICIA, SÁNCHEZ ROLDA O 66% DE APOIOS


En Galicia, co reconto rematado, Pedro Sánchez logra máis dun 66% dos votos dos militantes, mentres a presidenta andaluza supera o 27%. Patxi López logra algo máis do 7%. En total 7.673 militantes galegos pasaron polas sedes para votar, preto do 74 por cento dos afiliados socialistas en Galicia, que suman un total de 10.394 persoas.


En Vigo, feudo electoral de Abel Caballero, un dos principais puntais de apoio de Susana Díaz, a distancia é menor. Na cidade olívica, a agrupación socialista máis numerosa, Sánchez logra 313 votos, fronte aos 254 de Díaz e os 24 de López.


A tónica no resto de cidades é similar e en todas o ex secretario xeral impúxose aos seus outros dous opoñentes, ata o punto de que en todos os casos superou a suma de votos de Susana Díaz e Patxi López.


Así mesmo, na Coruña, o madrileño logrou 202 apoios, por 161 da presidenta de Andalucía e 40 do ex lehendakari; mentres en Lugo Sánchez obtivo 225 votos, por 109 de Díaz e 27 de López.


De igual modo, en Pontevedra, quen fose xefe de filas do PSOE obtivo un amplo respaldo, pois 154 afiliados optaron pola súa candidatura, 82 fixérono pola andaluza e 23 polo vasco.


En Ourense, unha das prazas onde se prevía un resultado máis axustado, Sánchez fíxose con 277 papeletas, mentres Díaz colleitou 211 e López outras 25.


En paralelo, en Santiago Sánchez sumou 150 votos por 101 de Susana Díaz e 18 de Patxi López; e na outra cidade da provincia, Ferrol, son 109 respaldos fronte aos 77 da dirixente autonómica e 24 do ex líder vasco.

relacionada A participación nas primarias supera en 20 puntos a cifra do 2014
relacionada "Non vai haber unha vara máxica que elimine as visións internas"
relacionada O embarazo do PSOE, o 'esquerdómetro' ou "non mintas cariño", entre os 'hits' das primarias

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE