O senador Modesto Pose alerta sobre as posturas "moi enfrontadas" no PSOE

Apela a que os militantes voten co "cerebro" e se decidan por Patxi López. "Se cadra hai sorpresas", di.


|

Modestopose 1


O senador do PSOE Modesto Pose pediu aos militantes do seu partido que esquezan a "animadversión", a "simpatía" e que rexeiten "votar coas tripas". Así, solicitoulles que voten co "cerebro", feito que, na súa opinión, significa apoiar o ex lehendakari Patxi López: "É o mellor candidato para unir o PSOE".


Nunha entrevista en RNE recollida por Europa Press, o senador espera que o debate entre os tres candidatos á Secretaría Xeral do PSOE, que terá lugar este luns en Ferraz, sirva para "clarificar" a posición de cada aspirante e para que os militantes poidan "comparar"


Para o senador galego, as candidaturas de Pedro Sánchez e Susana Díaz están "moi enfrontadas". "Os que apoian a Pedro Sánchez teñen unha posición moi enfrontada cos que apoian a Susana Díaz, e viceversa". É por iso polo que defende que o proxecto de Patxi López é o mellor para o partido.


Preguntado pola enquisa que publica este domingo o diario 'El Mundo', que indica que a mellor intención de voto para o PSOE produciríase con Pedro Sánchez (28,2%), seguido de Patxi López (27,4%) e de Susana Díaz (24,7%), confía en que os militantes do seu partido vexan as cousas da "mesma maneira" que os cidadáns.


"SE CADRA HAI SORPRESAS"


É máis, alertou de que "se cadra hai sorpresas", pois argumentou que hai "bastantes" militantes que aínda están a reflexionar e que hai "moita xente" que coincide coa súa posición.


Cuestionado tamén sobre a enquisa de Sondaxe que publica este domingo o diario 'La Voz de Galicia', subliñou, en relación ao seu partido, que hai localidades que "piden a berros que os liderados locais sexan cambiados", e que esa é unha tarefa que o PSdeG ten pendente.


Sobre a xestora galega, lamentou que o PSdeG leve un tempo "sen liderado" en Galicia e espera que este verán ou este outono este problema estea resolto. "O partido ten que fortalecer aqueles concellos que o necesitan", remarcou, en alusión a Santiago, Ferrol e A Coruña. De feito, asegurou que o seu partido "xa coñece" estes problemas e que, por tanto, "no futuro poñeralles remedio".


PODEMOS: "DE ALTERNATIVA TEN POUCO"


Sobre Podemos, fixo fincapé en que "a xente está a visualizar que, de alternativa ao PSOE, ten pouco". "Nas peores condicións do PSOE [...], cústalle traballo manterse a Podemos", aseverou, para logo engadir que o que demostran as enquisas é que a cidadanía espera que "o PSOE o faga un pouquiño ben".


AVE A GALICIA


Sobre o voto en contra de Podemos no Senado para a chegada do AVE a Galicia en 2019, Modesto Pose asegurou que "non é verdade" que fosen rexeitadas todas as emendas de En Marea. "Presentaron 12 emendas e aceptámoslle as racionais. Dúas non foron aceptadas por que establecían condicións 'sine qua non', que era quitar dúas autovías", explicou, en relación á A-57 e á que vai de Ourense a Ponferrada.


Así mesmo, sinalou que, gañe quen gañe as primarias do PSOE, o seu partido non apoiará a moción de censura de Podemos a Mariano Rajoy.

relacionada Susana Díaz quere que Sánchez e López lle axuden "a facer grande o PSOE" tras as primarias
relacionada Madina, en Pontevedra: "Deixemos atrás o desastre histórico de dous anos e medio"
relacionada Os candidatos a liderar o PSOE debaterán o 15 de maio en Ferraz

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE