Unanimidade no Parlamento galego para levar ao Congreso o traspaso da AP-9

|

Camioneropeajeap9


Tal e como estaba previsto, o Parlamento galego vén de aprobar por unanimidade a proposición de lei pactada entre os catro grupos para reclamar ao Goberno a transferencia da titularidade da AP-9. Unha "empresa difícil", que non conta con "precedentes", segundo advertiu o representante do PPdeG no debate, Martín Fernández Prado.


Tanto é así que o Goberno vetou o debate no Congreso da anterior lei aprobada co mesmo fin: a reclamación para Galicia das competencias sobre esta vía. Agora, como indicaron todos os portavoces, o novo texto normativo exclúe todas as referencias a prazos e custos que motivaron a súa paralización.


Pese ao acordo unánime, o debate plenario foi o escenario das queixas do BNG, o grupo minoritario, por non poder acudir á Cámara baixa para reclamar o traspaso da infraestrutura. "A democracia non é aritmética", clamou Ana Pontón, tras reivindicar ao seu grupo como "autor" da normativa para reclamar unha das tres prazas dispoñibles.


Con todo, o resto de forzas políticas fixeron valer o seu número de escanos (a maioría absoluta do PPdeG e os 14 tanto de PSdeG como de En Marea) para designar os representantes que enviarán a Madrid en defensa do texto. A Fernández Prado acompañarano Antón Sánchez (En Marea) e Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG).


CHOQUE PSdeG-BNG


Pero máis aló da cuestión numérica, Leiceaga aproveitou a súa intervención ante o pleno para censurar a "lamentable actuación" e o "victimismo fóra de lugar" do Bloque, en relación ás palabras de Pontón sobre a "pinza" dos outros grupos para "excluír" aos nacionalistas. "Parécelles honesto e ético?", chegou a preguntar.


"Pretender patrimonializar esta iniciativa é a mellor garantía do seu fracaso", respondeu na seguinte quenda o dirixente socialista, convencido de que "o único que importa" é que se aprobe a transferencia da mencionada autoestrada e "non que alguén se poña unha medalla que non merece".


Pola súa banda, Antón Sánchez lamentou que o BNG non poida intervir no Congreso debido a que só se recibe a tres representantes de cada cámara autonómica. "Aberto a explorar posibilidades para aumentar a pluralidade", o que deixou claro é que "a segunda forza" en número de votos ten que estar presente.


É un argumento similar ao utilizado por Fernández Prado, quen alegou que "o grupo maioritario debe estar representado". Iso si, asegurou á portavoz do BNG que os argumentos da Cámara galega en defensa da titularidade da AP-9 serán "perfectamente" trasladados nas Cortes Xerais.


REBAIXA DE PEAXES


Á marxe desta cuestión, o debate virou sobre as posibilidades de reducir as peaxes da AP-9, que Ana Pontón tachou de "escándalo" e "estafa".


De feito, preguntouse por que o Goberno ten 3.500 millóns de euros para rescatar as radiais madrileñas pero "cero" para a nosa autoestrada, á vez que, mirando cara a PPdeG e PSdeG, preguntoulles se niso consiste a "solidariedade" interterritorial da que falan "os partido estatais".


A continuación, Leiceaga lembrou que a situación actual da AP-9 deriva de "a mala decisión" do goberno de José María Aznar, con Manuel Fraga á fronte da Xunta, de prorrogar a súa concesión ata 2048. Con todo, puxo o foco en que o traspaso da vía a Galicia podería derivar "nunha rebaixa substancial" das peaxes.


E é que, como explicou, o Estado obtén un saldo positivo desta infraestrutura porque as obras nela páganse a través das peaxes e porque recibe uns 500 millóns de euros a través do imposto de sociedades ata o termo da concesión. Estas cifras son a que, ao seu xuízo, habería que facer valer na comisión mixta de transferencias.


En Marea tamén fixo recaer sobre os populares a responsabilidade do "saqueo" da AP-9, "privatizada a prezo de amigo a Sacyr, unha empresa doante do PP segundo os papeis de Bárcenas". E, tras apuntar que "un de cada dous euros recadados en peaxes son beneficios antes de impostos", defendeu que existe "marxe" para a súa rebaixa.


"Queremos un cálculo oficial sobre a viabilidade do rescate. Que a Xunta non o fixera demostra a súa postura", sentenciou Sánchez, aínda que o portavoz popular pediu "non confundir" as peaxes co traspaso.


"FEITO SEN PRECEDENTES"


Despois de que Leiceaga cominase aos populares a "convencer" aos seus compañeiros de filas no Congreso para que apoien esta lei, Fernández Prado destacou que "un dos valores e das fortalezas" que ten o texto é "o acordo" logrado en Galicia.


A pesar diso, sinalou que lograr o traspaso da vía é "unha empresa difícil" e que sería "un feito sen precedentes", toda vez os casos de Euskadi e Cataluña "non son asimilables" polas peculiaridades existentes.


Por último, o deputado popular reivindicou a "coherencia" do seu grupo en Galicia a favor da transferencia da AP-9 "estea quen estea gobernando en Madrid". "Nós sempre estivemos a favor: na oposición e no goberno", resolveu.

relacionada O Parlamento trata de acelerar os prazos para o traspaso da AP-9
relacionada O Parlamento reclama outra vez de forma unánime o traspaso da AP-9
relacionada Galicia confía en salvar o veto a debater en Madrid sobre a AP-9

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress