Acusan á Xunta de "temeridade" e "graves deficiencias" na xestión das emerxencias

Os traballadores fan esta denuncia no marco do primeiro aniversario do incendio na empresa Fandicosta | Critican a actuación do ente autonómico no naufraxio do 'Nuevo Marcos'. 


|

Helicopteromedicalizado112


Traballadores de servizos de emerxencias en Galicia denunciaron, no marco do primeiro aniversario desde o incendio na empresa moañesa Fandicosta, que se cumpre este martes día 9 de maio, o "deixamento" e "temeraria falta de xestión" que mantén a Xunta e esixiu que dea unha solución que pase por "rescatar o carácter público dos medios de emerxencias".


Así o trasladaron nun comunicado asinado pola asemblea de traballadores do 112-Galiza, a Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias Sanitarias (Asgate), a Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia (TES Galicia), a Mesa Intersindical de Bombeiros (MIB) e a Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia.


Estes colectivos manifestaron que o incendio que calcinou parte das instalacións de Fandicosta, empresa dedicada ao procesado de conxelados do mar, "sacou á luz graves deficiencias na organización e xestión diaria das emerxencias" de Galicia, onde, sostiveron que a xestión "se viu en todo momento entorpecida por decisións da Xunta".


Así as cousas, a parte de censurar algunhas "decisións erradas", como mobilizar aos bombeiros de Ribadumia antes que aos de Vigo, remarcaron que "o verdadeiro problema" é que non exista un mapa actualizado de equipos de intervención, a "arbitrariedade" na cobertura xeográfica, o "desequilibrio territorial" na protección de cidadáns e a "falta de criterios técnicos, en lugar de puramente partidistas".


A iso, engadiron que outro elemento que causa esta problemática é "a primacía dos intereses económicos e de empresas amigas sobre o interese público de salvagarda da poboación, que se traduce na privatización sistemática dos medios de emerxencias". "Todo isto reforza aínda máis a temeridade da Xunta", subliñaron.


Por todo iso, estes colectivos esixiron "rescatar o carácter público dos medios de emerxencias" para así exercer a xestión directa e crear un mapa de recursos racional e equilibrado, de forma que se poida "optimizar os tempos de resposta e conseguir a necesaria integración funcional, que vai máis aló de facer un edificio" como a nova sede do 112 na Estrada.


NAUFRAXIO NA RÍA DE PONTEVEDRA


"Funciona a base da improvisación constante e favorece que se cometan neglixencias unha e outra vez", insistiron sobre a xestión da Xunta, a colación do que estenderon as críticas ao naufraxio do pesqueiro 'Nuevo Marcos'no que faleceron tres mariñeiros e sobreviviron outros dous o pasado 26 de abril na Ría de Pontevedra.


Os colectivos asinantes mantiveron que neste caso os medios de resposta acuática máis próximos que podían apoiar a Salvamento Marítimo eran os Bombeiros de Pontevedra; con todo, "en ningún momento foron mobilizados, xa que o organismo que os tería que alertar, o 112, descoñecía que este parque contase con este tipo de recursos".


Ademais, remarcaron que "o colapso" que denuncia o persoal do 112 "evidenciouse no feito de que se atrasou 10 minutos" a saída do helicóptero de rescate 'Pesca II', "outro recurso esencial para aqueles mariñeiros", porque a plataforma tecnolóxica bloqueou a alerta. "Un retardo inasumible que ten uns responsables directos ben identificables", sentenciaron.


A XUNTA DESMENTE "CATEGORICAMENTE" AS ACUSACIÓNS


Pola súa banda, a Xunta xa emitiu un comunicado no que defende a xestión dos servizos de emerxencia durante o naufraxio dos 'Nuevo Marcos'. 


O Executivo autonómico remitíu este luns un comunicado aos medios nas que desmente "categoricamente" as acusacións realizadas por servizos de emerxencias. 


Respecto diso, a Vicepresidencia da Xunta destacou que os protocolos de actuación funcionaron "de forma correcta" no afundimento do barco.


Así, sinalou que a primeira chamada de alerta no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112) recibiuse ás 5,32 horas e procedía dun particular que paseaba pola praia e que atopou un dos mariñeiros mollado con síntomas de hipotermia.


"Esa primeira conversación durou tres minutos e 36 segundos, xa que a persoa que chamaba estaba confusa", lembra a Xunta, que sinala que ás "5,35 horas o CIAE 112 puxo o alertante en comunicación co 061".


"Ás 5,36 horas informa a Salvamento Marítimo do sucedido", servizo que "sinala que vai mobilizar ao seu helicóptero", indica para lembrar "ás 5,40 horas Salvamento chama ao CIAE 112 e solicita falar co alertante" e, ás 5,42 horas, pide "que se mobilice o helicóptero Pesca I".


Por outra banda, sobre o aviso aos bombeiros de Pontevedra, a Xunta lembrou que, en incidentes destas características, os medios que "se mobilizan son os de Salvamento Marítimo, que é a quen lle corresponde a resolución deste tipo de emerxencias".

relacionada Localizan o corpo do patrón do pesqueiro afundido na Ría de Pontevedra
relacionada Dous mortos e un desaparecido tras chocar un pesqueiro contra unha batea
relacionada Representantes do comité do 112: "Hai profesionais que saen do traballo chorando"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE