Xulio Ferreiro critica o rumbo tomado por En Marea: "Algo non se está facendo ben"

Defende que a posibilidade de ruptura "está moi lonxe", pero sitúase en contra de que a confluencia se pareza cada vez máis a un "partido clásico".


|

Ferreirovillaresbeiras


O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, mostrouse crítico co rumbo que, ao seu entender, está a tomar En Marea porque cre que se está apostando por unha configuración de "partido clásico". "Algo non se está facendo ben", apostilou.


Nunha entrevista na Cadena Ser este domingo, o rexedor herculino opinou que ve un "erro" que En Marea estea a abandonar "o espírito de confluencia" co que foi concibido para "apostar por unha liña máis tradicional" na súa configuración como partido.


Así, criticou a forma en que foi elixida a coordinadora do partido instrumental e a decisión de Luís Villares de "romper" coa lista unitaria, vencedora nas eleccións ao Consello das Mareas, e cuxo documento político vetaba a posibilidade de que o portavoz parlamentario de En Marea asumise tamén a portavocía orgánica da formación rupturista.


E é que Ferreiro cre que Villares decidiu "apoiarse en dúas listas máis pequenas para sacar unha maioría", algo que foi considerado por algúns membros do Consello das Mareas --entre eles Iago Martínez de Marea Atlántica-- como un intento de "excluír" algunhas sensibilidades integradas en En Marea dos seus órganos de dirección.


Con todo, rexeitou que o debate interno na forza rupturista se limite a unha cuestión de "portavocía" ou "postos concretos", senón que se sitúa ao redor de "dúas formas de entender o papel que debe ocupar En Marea no espazo político galego".


RUPTURA: "ESTÁ MOI LONXE"


Así, Ferreiro opinou que En Marea debe reorientar o seu rumbo para dar resposta a persoas que se sentiron ilusionadas "nas eleccións municipais de 2015 e que, se cadra, están a deixarse de sentir interpeladas por estas formas de facer política".


Con todo, sinalou que a posibilidade de ruptura no seo de En Marea "está moi lonxe", á vez que emprazou ao plenario do próximo mes de xullo para alcanzar "unha liña clara que non desoriente". "Hai que buscar unha solución porque non ten sentido construír a organización contra amplos espectros da sociedade e contra as sensibilidades que están a dar máis frescura e máis ilusión a moitos proxectos municipais e formas de facer política", expresou.


ORZAMENTOS LOCAIS


"Cruzo os dedos porque nunca se sabe". Así se expresou Ferreiro cando foi preguntado pola aprobación definitiva dos orzamentos municipais do Concello da Coruña. Este luns serán resoltas as alegacións presentadas polos grupos da oposición logo de que os orzamentos presentados polo goberno local fosen aprobados inicialmente tras a cuestión de confianza superada por Xulio Ferreiro.


"Se PP e PSOE non eran capaces de poñerse de acordo para formar un goberno alternativo, o que faría calquera que tivese a cidade como primeira prioridade é deixar gobernar a quen está", expresou.

relacionada Ferreiro ve normal "reaccións de desgusto" pola elección da coordinadora de En Marea
relacionada Ferreiro, descontento coa elección da coordinadora de En Marea
relacionada Ferreiro propón un 'distrito do mar' e un museo na fachada marítima coruñesa

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE