San Caetano, a última parada do Tramabús de Podemos en Galicia

|

Tramabusxunta


O 'Tramabús' de Podemos finalizou o seu percorrido por Galicia fronte ao edificio administrativo de San Caetano, sede da Xunta de Galicia, onde varios membros de Podemos Galicia e o portavoz orgánico de En Marea, Luís Villares, chamaron a sumarse á "moción de censura cidadá" porque "sobran os motivos" e existen "alternativas" para desbancar o PP do Goberno español.


O autobús fretado pola formación morada para denunciar a "trama de corrupción" do PP a nivel estatal pasou por varias localidades galegas cunha foto de Feijóo, o "convidado especial" do 'Tramabús' ao seu paso por Galicia. Tras pasar por Lugo, Cee, Mugardos ou A Coruña, o autobús de Podemos recalou en Santiago de Compostela, onde visitou a Cidade da Cultura e a sede do Goberno galego.


Alí, os deputados de En Marea no Congreso Ángela Rodríguez 'Pam' e Antón Gomez-Reino, así como os parlamentarios na Cámara galega Luca Chao, Pancho Casal, Luís Merlo e Paula Quinteiro --todos eles membros de Podemos Galicia--, acompañados polo portavoz orgánico de En Marea, Luís Villares, pediron o apoio da cidadanía á moción de censura contra o PP anunciada polo grupo de Unidos Podemos nas Cortes.


Así, chamaron a participar na concentración prevista para o 20 de maio en Madrid en apoio a unha moción de censura para a que "dan os números" e que, en palabras de Gómez-Reino, debe contar co respaldo da cidadanía "sexa cal for o que digan os partidos que sustentan ao PP".


FEIJÓO, CONVIDADO ESPECIAL


Tramabusfeijoo


Durante a súa visita a Galicia, o 'Tramabús' incorporou unha foto do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, no cristal frontal do vehículo. Carmen Santos xustificou a súa presenza porque "por moito que queiran desvincular o PP de Galicia do estatal", Feijóo é "un dos cerebros da trama" e "unha das mans dereitas de Rajoy".


"A que comité executivo pertencen o señor Feijóo e o señor (Miguel) Tellado?", preguntouse Santos en declaracións aos medios na parada do autobús na Cidade da Cultura.


"O PP de Galicia é o PP de Madrid. O da Gürtel, o que ten conexións coa 'Pikachu' ou a 'Pokémon' galega. Son as caras da mesma moeda. O mesmo partido imputado que utiliza todos os recursos públicos no seu beneficio, tanto para perpetuarse no poder como para incrementar as súas contas correntes", indicou Santos.


MOCIÓN DE CENSURA


Na súa intervención no acto fronte á sede da Xunta, Villares preguntouse "que sería das eleccións, da historia" de España nos últimos anos "sen o financiamento ilegal do PP", a través dunha "trama" coa que, como demostra, segundo o portavoz parlamentario, a investigación da 'Operación Lezo', os populares "cobraban favores nunha comunidade autónoma que se pagaban noutra".


Un exemplo diso, continuou Villares, é a posible venda das centrais da Costa da Morte de Ferroatlántica, do grupo empresarial de Villar Mir, implicado na mencionada operación e unha das caras que ilustran o 'Tramabús'.


CIDADE DA CULTURA, "ELEFANTE BRANCO"


Na súa parada no complexo do Gaiás, a deputada Luca Chao cualificou a Cidade da Cultura como o "gran elefante branco da cultura de Galicia, un mausoleo onde se enterra un de cada tres euros que se supón que van financiar actividades culturais".


Así, indicou que a Cidade da Cultura forma parte da "trama" que denuncia Podemos co seu autobús, xa que é "un claro caso de corrupción" no que o PP aproveitou as "zonas grises onde se move con total soltura" para adxudicar contratos a empresas afíns, como "os 107 millóns de euros que se embolsaron empresas relacionadas coa familia Cuíña" a través de "subcontratas".

relacionada O 'Tramabús' aparca no Cunqueiro cunha foto de Feijóo como 'convidado especial'
relacionada O 'tramabús' recala en Galicia para evidenciar a "denominación de orixe" da corrupción

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress