Portas abertas no Meixoeiro polo Día Mundial da Asma
Especialistas impartirán charlas e talleres prácticos para profesionais e pacientes. A área de Vigo é a de maior incidencia da enfermidade.
O servizo de Alergoloxía do Hospital do Meixoeiro, en Vigo, organizou unha xornada de portas abertas, charlas e talleres dirixidos a profesionais e pacientes para conmemorar o Día Mundial da Asma, que se celebra este mércores, día 3.
Os actos arrincarán o martes ás 18,00 horas con charlas e talleres eminentemente prácticos ofrecidos por facultativos especialistas e persoal de enfermería no Colexio de Médicos; mentres que o mércores de 11,00 a 15,00 horas haberá unha xornada de portas abertas para dar a coñecer o traballo que se realiza no servizo de Alergoloxía, na primeira planta do hospital.
O Día Mundial da Asma celébrase o segundo martes do mes de maio co fin de concienciar a poboación acerca das cargas que supón a enfermidade para quen a padece, difundir que é posible tela baixo control cunha vida saudable e sen limitacións, e sensibilizar sobre a necesidade de coidar o medio ambiente e dispoñer dun aire máis limpo e libre de contaminación.
A área sanitaria de Vigo "é a que presenta unha maior incidencia de pacientes con asma, sobre todo en idade pediátrica, moi por encima da media española e galega", explicou o Sergas, que indicou que a franxa de idade con maior prevalencia é entre 13 e 14 anos, onde o 18,5% dos mozos desa idade teñen asma, mentres a media galega é do 12,1% e a estatal do 9,9.
Estes datos indican que "case un de cada cinco adolescentes nesa idade padecen asma na área sanitaria de Vigo, remarcou, ao que a doutora do servizo de Alergoloxía, Mónica Fernández, engadiu que "a prevalencia da asma en España, Galicia e Vigo non deixa de crecer, polo que segue sendo necesario realizar un esforzo para mellorar o diagnóstico e control da enfermidade".
Escribe o teu comentario