Ana Pontón agarda que a "corrupción do PP" non "salpique a Galicia"

Reprocha a Feijóo o seu silencio sobre "o papel da Xunta no intento de venda ilegal de Villar Mir", investigado por corrupción.


|

Anapontonparl


Ás portas do primeiro de maio, Día do Traballador, a líder do Bloque mostrouse preocupada por que a "corrupción do Partido Popular" acabe "salpicando a Galicia" e "leve por diante" os 400 empregos de Ferroatlántica, empresa propiedade do empresario Villar Mir, investigado na 'Operación Lezo' por suposto financiamento irregular do PP de Madrid.


Nunha entrevista concedida a Europa Press, Ana Pontón asegura que Galicia "non pode ser a moeda de cambio" dos "favores" de Villar Mir ao PP. Ademais, tras coñecerse a operación na que tamén está investigado o xenro do empresario e conselleiro de OHL, preguntou se "o peso" de Villar Mir "é tan importante" como para que o presidente da Xunta "vaia permitir a venda ilegal das centrais" do río Xallas e "o despedimento de centos de persoas na Costa da Morte".


Para Pontón, que considera que "non é casual que Villar Mir apareza nos papeis de Bárcenas e agora nesta operación", esta é unha "cuestión de dignidade de país", xa que, na súa opinión, "o que se está facendo, no fondo, é repetir unha vella práctica colonial". "Explotan os nosos recursos, levan os beneficios... E que queda aquí? Os impactos ambientais e a xente na rúa", denunciou.


E é que, segundo advertiu, "hai unha posición unánime entre todas as forzas políticas e todos os veciños da Costa da Morte que saben que se se venden as centrais, o que vai facer Villar Mir é coller a pasta, non investir nada na comarca e acabar pechando as fábricas".


Ante este futuro contexto, a líder dos nacionalistas galegos instou a Alberto Núñez Feijóo a situarse "do lado dos traballadores" e mostrouse sorprendida do "silencio" e a "ambigüidade" mostrada polos populares galegos neste asunto.


"A min o que me parece asombroso é ese silencio de Feijóo, que o único que xera son incertezas respecto de cal está a ser o papel da Xunta en todo o intento de venda ilegal de Villar Mir", asegurou para lembrar que as centrais "non son propiedade" do empresario senón "unha concesión pública vinculada ao mantemento do emprego". "Baixo ningún concepto se pode permitir unha operación especulativa destas características", apostilou.


COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN


Por todo iso, a líder do Bloque e tamén portavoz parlamentaria da formación volveu instar as forzas políticas da Cámara galega a poñer en marcha unha comisión de investigación que analice todos os contratos asinados pola Xunta coas empresas de Villar Mir.


"Eu quero que se investiguen todos e que se analice se hai algo irregular en calquera ámbito", aclarou Pontón para deixar claro que "é un feito" que "a quen se está investigando é a OHL por financiamiento irregular do PP".


ACTIVIDADE PARLAMENTARIA


Na entrevista, Ana Pontón tamén reflexionou sobre a marcha da actividade na Cámara galega no primeiros seis meses de lexislatura. Sobre este extremo, preguntada polas críticas formuladas pola deputada de En Marea Carmen Santos que denunciou un trato peor cara ás parlamentarias "mulleres e novas", Ana Pontón, non considera que a actitude dos populares responda a unha cuestión de machismo.


"Eu sinto que o PP está instalado na soberbia e o que non respecta é os deputados e deputadas que non pensamos coma eles", manifestou. Tras iso, incidiu en que "esta é unha realidade que se palpa todos os días" e que mostra, no fondo, "unha falta de respecto aos galegos".

relacionada O BNG pide unha comisión de investigación sobre as adxudicacións ao grupo de Villar Mir
relacionada Zaplana e Villar Mir, investigados na 'operación Lezo'
relacionada A Xunta non recibiu "solicitude oficial de segregación de Ferroatlántica"
relacionada As cifras da corrupción: 87 no cárcere e 659 procesados

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE