PP, PSOE e Cs vetan debater a creación dunha comisión de investigación sobre Angrois

|

Angroiscongreso

O PP, o PSOE e Cidadáns impediron este venres na Mesa do Congreso que a Xunta de Portavoces poida poñer data ao debate no Pleno dunha comisión de investigación sobre o accidente ferroviario que tivo lugar en Angrois (A Coruña) en xullo de 2013 e no que faleceron 80 persoas e máis de 140 resultaron feridas.


Segundo denunciou Unidos Podemos, estes tres partidos aliáronse para frear o inicio da tramitación desta proposta de En Marea, alegando que o Pleno da Cámara xa rexeitou abrir unha investigación sobre este asunto na anterior lexislatura.


Entre 2014 e 2015, o BNG tentou en varias ocasións que o Congreso debatese sobre a conveniencia de crear unha comisión de investigación sobre este asunto. Entón, cando o PP tiña maioría absoluta, a Mesa do Congreso daba trámite á iniciativa, pero, despois, a Xunta de Portavoces freaba que se debatese porque nunca poñía data para a súa discusión no Pleno.


O papel do BNG, que desde as eleccións de decembro de 2015 xa non ten representación no Congreso, asumiuno En Marea, que arribou entón á Cámara e logrou que o Pleno debatese a creación desa comisión de investigación na anterior lexislatura.


O PLENO REXEITOUNO HAI UN ANO


Ese debate tivo lugar hai xusto un ano, o 28 de abril de 2016, pero a iniciativa foi rexeitada cos votos do PP e o PSOE. Iso si, aínda que saíse adiante, a investigación decaería porque as Cortes disolvéronse apenas uns días despois pola convocatoria de novas eleccións.


E o rexeitamento daquela iniciativa é o argumento esgrimido agora polo PP, o PSOE e C's para negarse a cualificar a nova petición de En Marea, presentada esta semana no Congreso con familiares de vítimas, segundo detallaron fontes parlamentarias.


Paralelamente, a Mesa do Congreso decidiu non autorizar a cesión dunha das salas da institución ao grupo de Unidos Podemos para a proxección un documental sobre este sinistro ferroviario.


O accidente do Alvia xa abriu fisuras no Grupo Socialista, pois o deputado Odón Elorza tentou por dúas veces que a dirección parlamentaria do PSOE promovese iniciativas reclamando unha nova investigación sobre o sinistro, no seu caso por parte dunha comisión técnica, non parlamentaria, pero o seu partido desestimouno.

relacionada Rexeitada por terceira vez a comisión de investigación do Alvia no Parlamento

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress