​Leiceaga acusa a Feijóo de incumplir a Lei de Medios para manter "o control político da CRTVG"

Advirte que a lei do 2011 aínda non está desenvolta e insta ao goberno galego a darlle cumprimento íntegro á entrada de 2018


|

Redaccion


O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou hoxe ao presidente da Xunta de ter incumprido a Lei de Medios Públicos de Comunicación dende o ano 2011. Así o dixo na sesión de control ao presidente da Xunta, na que criticou que “non quere perder instrumentos de "control político da información" nin aumentar o grao de autonomía dos profesionais”.


O portavoz socialista advertiu fronte ao incumprimento “de xeito reiterado e contumaz” das normas aprobadas polo Parlamento, dende a Lei de Igualdade ata a Lei de Inclusión Social, deixando sen desenvolver “aspectos cruciais da normativa autonómica”. Acusou a Feijóo de “esquivar á carta” leis “pactadas” como a de Medios, que foi elaborada coa participación do Grupo Socialista para deixala sen cumprir.


Advertiu que a situación é tan grave que o propio Comité de Empresa da CRTVG vén de “asumir funcións contra a manipulación informativa que a Lei di que lle corresponderían ao Consello de Informativos”, sen constituír polo PP. O goberno, dixo, tan só desenvolveu o Mandato Marco e cumpriu co elección parlamentaria do Consello de Administración, cando non do seu director xeral, que debera ser nomeado por maioría cualificada.


O ente carece hoxe dos contratos – programa, o que “debilita a eficiencia económica e o control parlamentario, non aprobou a Lei do Audiovisual nin constituíu o Consello Audiovisual, e tampouco elaborou o Estatuto Profesional nin constituíu o dito Consello de Informativos. A situación, dixo, “afecta ao pluralismo, á neutralidade e á veracidade da información” ademais de “debilitar a gobernanza” da CRTVG.


Fernández Leiceaga suxeriulle ao presidente da Xunta que “aproveite a que ten anunciado que será a súa última lexislatura” para “facer as cousas correctamente, o que significa cumprir integramente as leis, e en concreto esta, que forma parte tamén do marco de xogo e garante a competencia leal entre posicións políticas”.


Fernández Leiceaga rematou o debate instando a que o presidente da Xunta se comprometa ao cumprimento íntegro da Lei “á entrada de 2018”, dispoñendo de “meses” para impulsar o estatuto profesional e “afortalar a calidade, profesionalidade e independencia dos contidos informativos”.


Así, reclamou a constitución do Consello de Informativos como “órgano interno de participación dos profesionais” da CRTVG e escoller ao director xeral por ampla maioría parlamentaria ata o ano 2020. Demandou impulsar o primeiro contrato – programa “ou, se ten problemas, un mecanismo semellante”, informando ao Parlamento “como di o Mandato Marco e rendendo contas como di a propia Lei”.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE