Arquivan sen opción de recurso a causa emprendida por 'El Correo Gallego' contra Noriega

O alcalde de Santiago, "satisfeito" pola decisión xudicial, espera que supoña "un punto de inflexión" na actitude do medio que o denunciou | O xuíz considera que non houbo delito de revelación de segredos


|

Martionoriega


A causa xudicial aberta contra o alcalde de Santiago, Martiño Noriega (Compostela Aberta), a quen o diario 'El Correo Gallego' denunciou por revelación de secretos tras publicar unha entrada en redes sociais na que daba datos sobre a situación financeira do grupo, foi arquivada "sen posibilidade de recurso", segundo informou este martes o propio rexedor, quen destacou a súa "evidente satisfacción".


O preito iniciouse fai dez meses cando Noriega decidiu responder nas redes sociais a unha campaña de El  Correo Gallego que o acusaba de discriminar ao xornal na repartición da publicidade, informa eldiario.es. A resposta de Noriega foi publicar a través de redes sociais que a lei non permite que as administracións contraten publicidade con empresas se estas teñen débedas contraídas coa Seguridade Social e sinalou a unha débeda de El Correo Gallego cifrada nun millón de euros. 


A interpretación do diario compostelán foi que o rexedor incorrera nun delito de revelación de segredos co consecuente "dano irreparable" para o medio e denunciouno pola vía penal, esixindo a súa inhabilitación. Con todo, os xuíces da Audiencia Provincial da Coruña consideran que tales delitos non existiron porque a débeda non é interna, senón publica, e o difundido por Martiño Noriega xa fora dado a coñecer con anterioridade na prensa. 


MESES DE SILENCIO


Nunha rolda de prensa no Pazo de Raxoi, Noriega lembrou que non fixo declaracións sobre este caso porque as partes estaban advertidas de manter o silencio e ratificou que foi na pasada xornada cando se notificou o arquivo das dilixencias.


"Satisfeito" pola decisión da Audiencia Provincial da Coruña, asegurou que tivo "a sensación de ter unha cámara oculta detrás" ao recibir a denuncia do grupo mediático compostelán despois de publicar en redes sociais "unha información veraz na que respondía a outra información publicada" en 'El Correo Gallego'.


"Fun acusado de uso discriminatorio da publicidade institucional e eu informaba de que non había discriminación porque ese medio tiña unha débeda coa Seguridade Social e as administracións non poden contratar coas empresas nesa situación. Entendía que era unha resposta que había que dar porque se me estaba interpelando", esgrimiu.


A continuación, defendeu que el sempre enmarcou o seu comentario dentro do que entendía que era "liberdade de expresión" e suxeriu que, tras "esta denuncia por vía penal", atopábase a intención do medio de tentar "inhabilitalo xudicialmente" tras "unha campaña" de "difamacións".


"INSTRUMENTALIZACIÓN POLÍTICA" DO PP


"A denuncia nace nun contexto de non aceptar o resultado das urnas en 2015, difamouse contra min e a miña contorna e mesmo á miña contorna familiar", afeou o rexedor, quen espera que este arquivo --que tamén pedira a Fiscalía-- supoña "un punto de inflexión" na actitude do medio.


Non en balde, Noriega, quen aínda non pensou se pedirá algunha compensación polo dano á súa imaxe, confesou que algúns momentos foron "difíciles" e reprobou que houbo quen, como o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, tentou "instrumentalizar politicamente" a situación aproveitando que el "non podía" pronunciarse.


O rexedor asegurou que defende "o rol crítico dos medios" e que non quere "medios sumisos ou compracentes", pero reivindicou "un campo de xogo no que non se difame, se contrasten as informacións e non se incite ás mocións de censura". Por último, trasladou a súa "solidariedade e respecto" pola cabeceira e os traballadores de 'El Correo Gallego'.


Pola súa banda, 'El Correo Gallego', consultado por Europa Press sobre o arquivo deste caso declinou pronunciarse.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE