A nova facultade de Medicina comezará as súas obras dentro de ano e medio

|

CienciasdasadesantiagoProxecto do novo edificio.


As obras da nova facultade de Medicina, enmarcada no futuro complexo de Ciencias da Saúde de Santiago de Compostela --que tamén albergará Enfermería e Odontoloxía na contorna do Hospital Gil Casares--, arrincarán entre finais de 2018 e comezos de 2019, despois de que ao peche deste ano estea listo o proxecto básico construtivo.


Ademais, repoñerase un total de 22 prazas de profesores na facultade de Medicina nos próximos catro anos por xubilacións. Diso informaron este luns en declaracións o reitor da USC, Juan Viaño, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, tras un encontro no que tamén participaron os responsables dos departamentos de Sanidade e Facenda, Jesús Vázquez Almuíña e Valeriano Martínez.


Deste xeito, Román Rodríguez avanzou que se vai licitar de forma "inmediata" o proxecto básico construtivo --por un importe de 400.000 euros--, que se prevé ter preparado a finais de 2017, co fin de dar pé posteriormente ao proxecto de execución.


Esta actuación global roldará os 39 millóns de euros, segundo a estimación realizada por Juan Viaño, aínda que asegura que non se sabe aínda que custos "exactos" terá, e "débense seguir perfilando" as achegas de Xunta e USC.


Tamén se poñerá en marchar un plan sectorial que vai definir urbanisticamente as condicións da parcela onde se situará, cos seus diferentes usos construtivo, de aparcadoiro e espazos libres.


Neste sentido, Román Rodríguez considera que se deu "un paso importante" nunha "peza estratéxica" para garantir o sistema universitario e asistencial de Galicia.


HORIZONTE


Este luns, o decano da facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Gestal, dixo que confía en que o novo complexo universitario sexa "unha realidade" entre 2020 e 2021.


Preguntado por este horizonte, Román Rodríguez limitouse a afirmar que "hai un tempo que pode estar ao redor desas datas", pero di "querer ser prudente" e "non facer unha hipótese" de cando se acabará "unha construción que tecnicamente é complexa".


"Todo o ritmo das obras vai marcar o proxecto de execución, obviamente ímolo tentar ter canto antes, pero vai depender de moitos factores, e dar calquera cifra temporal agora pode ser prematuro", remarcou.


PREOCUPACIÓN POR XUBILACIÓNS


Así mesmo, o reitor da USC, Juan Viaño, asegurou estar "preocupado" polas "numerosas xubilacións que se están producindo nas áreas que dan docencia na facultade", polo que "é necesario prever a reposición deste profesorado", para o que haberá un "plan especial" de facultativos que tamén imparten docencia, o cal cualifica de "moi boa noticia".


"Independentemente da velocidade á que avance a construción da nova facultade, o profesorado é necesario", deixou claro o reitor.


Respecto diso, Román Rodríguez explicou que se traballa nunha "solución para poder dotar á universidade daqueles profesores necesarios" co obxectivo de conseguir unha docencia de "boa calidade" na única facultade de Medicina de Galicia, compaxinada co campo asistencial, a través dunha "folla de ruta".

relacionada A USC destinará o diñeiro da venda do hospital de Galeras a amortizar a súa débeda

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress