O BNG insta a pór en marcha o dispositivo contra incendios "ao 100% desde xa"

|

Anapontonbng4


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo lograr a medio prazo "un gran acordo" contra os incendios forestais e en defensa do monte galego que implique "un cambio na política forestal" para acabar cos lumes que arrasan Galicia.


A líder do Bloque lanzou esta proposta durante unha rolda de prensa celebrada este luns, na que asegurou que a política forestal galega "non pode estar ao servizo de Ence" e basearse no "monocultivo de eucalipto" xa que supón "hipotecar o futuro" dos montes.


Fronte a iso, considerou necesario realizar unha aposta polo "aproveitamento funcional" do monte. "O Partido Popular debe asumir que fracasou nos cambios que introduciu nestes últimos anos e que é necesario que toda a sociedade nos poñamos a traballar en defensa do noso medio rural", sinalou.


E é que, segundo denunciou, os incendios forestais son "un grave problema" que cada ano se repite en Galicia sen que "se queira asumir a realidade" e "poñer solucións que, a medio e a longo prazo, ataquen as causas".


MEDIDAS A CURTO PRAZO


Tras trasladar o seu recoñecemento aos traballadores do servizo de extinción de incendios e o apoio do BNG ás persoas que "estes días viron como se lles achegaba o lume ás súas casas", Ana Pontón, alertou de que, desde o pasado mércores "arderon en Galicia 1.100 hectáreas". "A metade do que ardeu no que levamos de ano, 2.200", advertiu.


Ante iso, ademais dos cambios "estruturais" a "medio e longo prazo", Ana Pontón instou á Xunta a "poñer a funcionar" o dispositivo contra incendios "ao 100% desde xa" e que se "garanta o seu carácter público e profesionalidade".


Así mesmo, pediu a convocatoria "inmediata" das axudas para a limpeza de montes e roza. "Ten que haber unha aposta importante pola prevención dos incendios", manifestou.


Ademais, considerou que "non se pode esperar ata o mes de maio" para aprobar o Plan de Prevención e Defensa Contra vos Incendios Forestais de Galicia (Pladiga).


"Estamos a ver como cada vez se desestacionalizan máis os incendios e non pode ser que o plan que ten que regular este dispositivo non estea en funcionamento xa", manifestou.

relacionada A Xunta declara o período de alto risco de incendios "co persoal de reforzo na casa"
relacionada Galicia non está equipada para a desestacionalización do lume

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress