Carmen Santos revela que é "moi probable" que o 'Tramabús' visite Galicia

|

Carmensantos 1


A secretaria xeral de Podemos Galicia e deputada de En Marea, Carmen Santos asegurou que "é moi probable" que o 'Tramabús' posto en marcha pola dirección estatal de Podemos para denunciar a corrupción visite Galicia dado que, na súa opinión, a Comunidade galega é "un dos epicentros" desta práctica, con Rajoy como unha das súas "partes visibles".


Nunha rolda de prensa ofrecida este sábado en Santiago, respondeu ás afirmacións realizadas o venres polo secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, quen tachou de "ridícula" a petición de amparo de Santos ante a Cámara polo trato recibido por parte dos populares, á vez que lamentou a súa "mandíbula de cristal" para encaixar "simples críticas".


Respecto diso, Carmen Santos insistiu en que tanto Tellado como outros membros do PP na Cámara "traspasaron xa varias liñas vermellas" co seu "ataque zafio" cara á súa persoa polo que xustificou a súa petición de amparo e confiou en que o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, a teña en conta.


"Confío no talante conciliador de Santalices, un talante ben distinto ao doutros compañeiros da á máis radical e máis dura do Partido Popular. Confío en que vai estar á altura e confío nos mecanismos que hai na Cámara para evitar este tipo de cuestións", sinalou.


Ademais, avanzou que volverá rexistrar no Lexislativo galego as iniciativas que ela mesma defendeu nos últimos días e ante as que o PP asegurou que ela "non era unha interlocutora válida". Así, volverá levar á Cámara a creación dunha Fiscalía Anticorrupción en Galicia ou a súa iniciativa sobre discapacidade.


"CORRUPCIÓN NO PP"


Na súa intervención, a líder da formación morada en Galicia tamén criticou que o PPdeG asegure que ela non é unha "interlocutora válida" cando, segundo indicou, a amparan "os votos de miles de persoas". "Se imos empezar a cuestionar interlocucións, a ver se nós temos que empezar a cuestionar ao PP", indicou.


"É intolerable a actitude do PP, sobre todo tendo en conta a situación na que se atopa o seu partido despois da súa semana negra", sinalou para cualificar de "insulto á cidadanía" que "mentres que se destapa a trama de corrupción que lle permitiu permanecer tanto tempo no poder, tente desviar o foco informativo cara a unha suposta ofensa que nunca existiu".


"Se tan convencidos están de que eu lles fixen esa ofensa, que o leven aos tribunais", manifestou para asegurar que ela só "citou os recortes en orzamentos en prevención de casos de violencia machista".


"GRETAS IDEOLÓXICAS"


A líder de Podemos Galicia tamén considerou que nos últimos días empezan a "aparecer" as primeiras "gretas ideolóxicas" entre os membros do PPdeG, concretamente entre o seu secretario xeral, Miguel Tellado, e o seu portavoz parlamentario, Pedro Puy.


Santos referiuse deste xeito ás declaracións realizadas o venres por Tellado, quen asegurou "non compartir a opinión de Pedro Puy" respecto ao caso do cartel de Entroido da Coruña cun disfrace de papa polo declarou como investigado o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande (Marea Atlántica).


En concreto, ao comezo da semana Pedro Puy aludiu a este asunto ao asegurar que certos casos xudiciais que, fundamentados en cuestións "nimias", supoñen "malgastar esforzos e recursos" mentres outros asuntos "máis relevantes desde o punto de vista económico e social sofren atrasos". Fronte a iso, Tellado sinalou que cre que o cartel "é evidente que ofende e trata de ofender a xente que ten unhas crenzas relixiosas".

relacionada Tellado cre que Santos "utiliza a violencia machista para sacar tallada política"
relacionada Santos denuncia trato machista do grupo do PP ás deputadas da oposición
relacionada Podemos sinala a González, Inda, Blesa, Aguirre ou Bárcenas no seu 'Tramabus'

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress