Deteñen en Vigo un presunto pedófilo que puido abusar de ata 15 menores

|

Pornografiainfantilgc


Axentes do Corpo Nacional de Policía detiveron un vigués como presunto autor de delitos de abuso sexual, pornografía infantil, exhibicionismo e provocación, despois de que supostamente enviase a unha quincena de menores de entre 14 e 15 anos imaxes sexuais, e os convidase á súa vivenda e á súa embarcación suxeríndolles ver pornografía ou espirse para facerlles fotos.


Segundo informou a Policía Nacional, hai dous meses recibiuse a alerta de que un adulto se relacionaba con menores e convidábaos a subir ao seu coche deportivo. Ao iniciar a investigación, confirmáronse estes feitos e identificouse ao adulto como un home de 40 anos que vive no centro de Vigo e rexenta negocios de hostalería.


Os axentes pescudaron que o home contactaba con varios mozos --todos menores residentes en Vigo-- en cafeterías ou unha boleira, e quedaba con eles habitualmente en grupos pequenos. Así, cando gañaba a súa confianza, convidábaos a consumicións ou ao seu propio restaurante, e ofrecíalles levalos no seu coche ou no seu barco de luxo, onde lles suxería ir espidos e facerlles fotografías.



Así mesmo, segundo relata a Policía Nacional, ofrecíalles ver películas pornográficas no seu domicilio e consumir bebidas alcohólicas co fin de desinhibilos e "poder abusar sexualmente deles". Ademais, cando xa contactara con varios mozos, o home creou un grupo de Whatsapp con todos eles, no que enviaba imaxes de contido sexual.


Por todas estas cuestións, procedeuse á detención do home polos delitos de abuso sexual, pornografía infantil, exhibicionismo e provocación. Igualmente, realizáronse rexistros na súa vivenda, o seu barco, o seu coche e o seu negocio, onde se recompilaron "diversas fotografías dos menores", as cales aínda están a ser analizadas para ver se hai máis prexudicados.

relacionada Desmantelan unha gran rede de pedofilia por WhatsApp con ramificacións en Lugo
relacionada Máis de cen detidos en toda España por tenencia e distribución de arquivos pedófilos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress