O PP mantén a súa cruzada contra Carmen Santos no Parlamento

|

Carmensantosperfil


O conflito entre o PP e Carmen Santos volve escribir un capítulo máis da súa historia. Todos os grupos da oposición decidiron abandonar este mércores a comisión Institucional do Parlamento despois de que o deputado popular Alberto Pazos Couñago asegurase --durante o debate dunha iniciativa de En Marea sobre discapacidade-- que non recoñece a Carmen Santos como "interlocutora política válida".


Esta situación vén de a polémica por un 'tuit' de Carmen Santos no que o PP interpreta que chama aos populares "asasinos de mulleres" e esta mesma semana a deputada de En Marea protagonizou un novo enfrontamento nas redes sociais con Paula Prado.


Posteriormente, En Marea criticou nun comunicado que Pazos Couñago centrase a súa intervención en "ataques" contra a deputada Carmen Santos, unha actitude coa que considera está "a vulnerarse a democracia parlamentaria, antepoñendo os intereses partidarios e esquivando unha proposta para mellorar a vida de miles de persoas con diversidade funcional".


Finalmente, os populares votaron en contra da proposición de En Marea --apoiada por PSdeG e BNG-- que reclamaba, entre outras cuestións, que sexa imprescindible acreditar o cumprimento da cota de reserva de persoas con discapacidade para que empresas poidan acceder a contratos públicos, subvencións ou beneficios fiscais.


SANTOS PEDIRÁ AMPARO Á PRESIDENCIA


Pola súa banda, Carmen Santos informou de que pedirá amparo á Presidencia do Parlamento e presentará unha queixa formal contra a deputada Paula Prado debido ao que considera "violencia institucional" por parte do PP.


Nun comunicado, Santos cualifica de "ruindade" a actitude dos populares e censura as palabras de Pazos Couñago na comisión, á vez que avisa ao PPdeG de que "a interlocución institucional decídena os cidadáns cos seus votos".


Nesta liña, a deputada de En Marea di "sentir vergoña allea" polo modo de actuar do PPdeG. Sobre os populares recrimina: "Deben sentirse avergonzados, tanto pola corrupción, como polas mentiras do seu partido, pois estase comprobando que non hai casos illados senón unha trama, como pola auténtica violencia institucional que levan semanas exercendo contra a miña persoa".

relacionada Santos reprocha a Prado utilizar as redes sociais para abrir debates políticos
relacionada O PP pide que Carmen Santos renuncie ao seu escano no Parlamento de Galicia
relacionada O PPdeG esixe unha rectificación de Carmen Santos por un tuit sobre a violencia machista

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress