O Parlamento trata de acelerar os prazos para o traspaso da AP-9

|

Ap9redondela 1


O Parlamento comez a tramitar este mércores a petición de transferencia da AP-9, unha iniciativa lexislativa subscrita polas catro forzas con asento no Pazo de Hórreo que confían en poder remitir a Madrid, para o seu debate no Congreso, no mes de maio.


Diso deron conta en senllas roldas de prensa o martes, despois de que a líder do BNG, Ana Pontón, volvese poñer sobre a mesa as deficiencias da empresa concesionaria da infraestrutura.


"É fundamental conseguir o traspaso para frear a xestión abusiva, chulesca e prepotente de Audasa", defendeu, crítica con que "o resultado" da comisión conxunta de Fomento e a Xunta é "máis atascos e máis subidas de peaxes".


Pola súa banda, o representante do PSdeG na Cámara galega, Xoaquín Fernández Leiceaga, deixou claro que non admitirá "ningún atraso" na tramitación desta norma e mostrouse "a favor" de cumprir os requisitos marcados "con total rapidez".


Tamén consciente de que a comisión Xunta-Fomento para supervisar o funcionamento da mencionada autoestrada "non produce ningún resultado", fixo votos por que o traspaso da vía se faga "nas mellores condicións financeiras" para así "mellorar" o actual sistema de peaxes.


A continuación, Luís Villares (En Marea) apoiou que os trámites, que comezan coa designación do relatorio que elaborará o informe sobre a proposición de lei que se remitirá a Madrid, se fagan "da forma máis áxil posible".


O CONGRESO DECIDE OS SEUS TEMPOS


Finalmente, desde as filas populares, Pedro Puy conveu que os prazos "se poden acurtar", por exemplo, no relativo aos prazos de emendas, pois o texto é froito dun acordo de base de todas as forzas políticas.


Con todo, chamou a non perder de vista que a vontade dos grupos por acelerar os trámites parlamentarios non garda relación co debate da norma nas Cortes, tendo en conta que o Congreso fixa os seus propios calendarios de traballo.


A proposta normativa que os grupos esperan ter lista en maio para a súa remisión á Cámara baixa é a reedición dun texto anterior que foi vetado polo Goberno en decembro alegando xustificacións económicas.

relacionada A Xunta rexeita que Audasa compense as obras da AP-9 cunha subida de peaxes
relacionada O Parlamento reclama outra vez de forma unánime o traspaso da AP-9

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress