O 112 empeza a funcionar na Estrada
Segundo o servizo de emerxencias, a nova central funciona "con total normalidade", a pesar de que comeza co persoal en folga.
O inicio da actividade no novo Centro Intregrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112) situado no municipio da Estrada (Pontevedra) levouse a cabo "con total normalidade", segundo informou o servizo de emerxencias, a pesar de que o traslado se produce baixo unha folga do persoal.
A nova central de emerxencias, situada no municipio pontevedrés da Estrada, comezou a operar na madrugada deste mércores. En concreto, segundo apunta o 112 Galicia, a primeira chamada xestionada desde as novas instalacións produciuse ás 00:51 horas.
A atención ás incidencias xestionadas ao longo da noite realizouse a través dunha nova plataforma tecnolóxica, creada de forma específica para o 112 Galicia e que, segundo explicou, "permite integrar maior número de información a tempo real".
Con este novo sistema, foron atendidas ata as 8:00 horas deste mércores un total de 326 chamadas, para dar resposta a 78 incidencias, segundo os datos apuntados polo 112 Galicia.
O novo CIAE do 112 permite acoller 77 postos iniciais de atención directa, o que supón incrementar nun 125 por cento a atención de resposta ao cidadán, segundo lembran as mesmas fontes.
Escribe o teu comentario