A saúde, o tema central da XXXIV Semana Galega de Filosofía

|

Filosofiaesaude


A Semana Galega de Filosofía arrincou en Pontevedra cun carácter reivindicativo debido ao protagonismo que esta materia deixou de ter no sistema educativo español, polo que no marco deste evento reclamou o seu protagonismo.


Así, colectivos de toda a comunidade autónoma uníronse para pedir que se recuperen as horas de filosofía que se perderon nos últimos anos e reivindicar que esta materia "pode non ter unha utilidade pragmática, pero si é útil".


Entre todos elaboraron un manifesto que se presentou este luns no marco da XXXIV edición desta semana Galega de Filosofía, que se celebra no Teatro Principal de Pontevedra ata o 21 de abril.


A presidenta da aula Castelao de Filosofía e coordinadora da Semana, Ana Regueira, reclamou que na sociedade "faise máis indispensable que nunca" conservar disciplinas como a filosofía, que reivindiquen a idea do "espírito crítico" e que "hai múltiples formas de entender a realidade e non só unha".


O manifesto está subscrito por colectivos como Doxa de Lugo, o grupo de filosofía de Vigo, a aula de Filosofía de Ferrolterra e o Aula Castelao de Filosofía de Pontevedra.


A coordinadora da Semana Galega de Filosofía mostrouse "satisfeita" porque a matrícula aumentou con respecto a anos anteriores e considera que a temática deste 2017 "pode xerar polémicas e debates interesantes", pois a sociedade actual "cada vez é máis insalubre" e desenvólvense cada vez máis tipos de patoloxías e enfermidades.


"ESTADO DO MALESTAR"


O profesor da Universidade Complutense de Madrid José Luis Pardo inaugurou a quenda de conferencias coa charla 'Que é a saúde?', eixo sobre o que vira a temática das xornadas deste ano 'Filosofía e Saúde'.


No seu relatorio Pardo centrouse na análise da saúde no ámbito físico e mental, pero tamén falou da saúde social e do "estado do malestar" característico deste tempo que, na súa opinión, "é o que máis perturba a saúde pública".


José Luis Pardo valorou que a sociedade actual é "produto do desprestixio do estado do benestar". Aínda que moita xente asóciao coa crise económica, el considera que, en realidade, "vén de moito antes" e fomenta unhas dinámicas de enfrontamento social que "son moi prexudiciais".


Na súa opinión, o principal responsable desta situación é o desprestixio e o desmonte do estado do benestar ao que contribuíu "moi fortemente" a política, pero tamén o "imperio da economía", co mundo dos negocios penetrando en todas as actividades humanas. Ademais, tamén considera que existe unha cota de responsabilidade cidadá "porque aos políticos elixímolos os cidadáns".


O filósofo cre que fai falta un exercicio de responsabilidade por parte dos políticos e da cidadanía en xeral "para que se poida repartir a riqueza e tamén a pobreza cando a hai".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress