A DXT trata de que nos afagamos a levantar o pé do acelerador

|

Pegasusvelocidad


A Dirección Xeral de Tráfico inicia este luns 17 unha campaña de control de velocidade que incidirá especialmente nas estradas convencionais (as que dispoñen dun só carril en cada sentido) e nas vías urbanas da comunidade galega.


Esta iniciativa forma parte da programación anual da DXT e manterase durante toda a semana, ata o domingo día 23 incluído, segundo indicou a Delegación do Goberno en Galicia nun comunicado.


Para o desenvolvemento da campaña, que estará coordinada polas xefaturas provinciais de tráfico, utilizarase o máximo número de medios humanos e materiais dispoñibles. Así mesmo, sempre que sexa posible, advertirase aos condutores da existencia próxima de controis, tanto a través dos paneis de sinalización variable como das pantallas alfanuméricas dos vehículos da Agrupación de Tráfico que estean nas inmediacións.


En todo caso, o desenvolvemento da campaña non supoñerá a diminución de vixilancia noutros lugares, polo que nuns casos produciranse denuncias sen notificación inmediata e noutros procederase á identificación do condutor e á notificación 'in situ', co fin de "potenciar o efecto pedagóxico da concatenación infracción-denuncia".


REDUCIÓN DA VELOCIDADE MEDIA


O obxectivo é conseguir "unha maior redución da velocidade media" e "diminuír os niveis alcanzados de grandes excesos". Trátase de concienciar os condutores da estreita relación entre unha velocidade inadecuada e os accidentes".


E é que, explicou a Delegación do Goberno, a diferenza da incompatibilidade entre o alcol e a condución, ou o uso do cinto de seguridade e do casco, que "non son cuestionados", a consideración da velocidade como factor de risco "non adquiriu o mesmo nivel de aceptación entre os condutores".


"E iso a pesar de que no 20% dos accidentes mortais rexistrados en vías interurbanas españolas apreciouse a velocidade como factor concorrente", engadiu. Por tanto, levar unha velocidade adecuada podería evitar practicamente unha cuarta parte das mortes en accidente de tráfico.


COLABORACIÓN COS CONCELLOS


No desenvolvemento da campaña potenciarase a colaboración cos concellos para realizar controis en zonas urbanas, onde a velocidade é "igualmente determinante" por canto "aumenta considerablemente o risco de morte dun peón tras ser atropelado, de aí a importancia de non superar os límites". "A partir de 80 quilómetros por hora é practicamente imposible que un peón se salve dun atropelo, mentres que a unha velocidade de 30 quilómetros por hora o risco redúcese ao 10%", subliñou a Delegación do Goberno.


A esta incidencia negativa da velocidade nos accidentes, súmase, explicou a Delegación, a que ten sobre o medio ambiente, sobre a calidade de vida e o consumo de combustible. Todo iso fai necesario seguir incrementando os esforzos no control e a vixilancia da velocidade.


Na campaña especial de control de velocidade desenvolvida en Galicia desde o 18 ata o 24 de abril de 2016, controláronse 103.537 vehículos e formuláronse 3.016 denuncias.

relacionada A DXT activa 225 cámaras para controlar o uso do cinto de seguridade
relacionada Un radar fixo da N-634 na Coruña, no ranking dos "máis multóns" de España
relacionada As estradas galegas xa contan con novos radares de control de velocidade
relacionada 60 radares, 200 cámaras e avisadores de velocidade para reducir a sinistralidade

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress